O PSOE denuncia "o despilfarro de máis de 540€ nun curso para que Pérez aprenda a falar en público"
- ecosdacomarca
- 24 nov 2023
- 2 Min. de lectura
Considera “politicamente bochornoso que unha persoa que leva toda a vida na política teña que despilfarrar fondos públicos nun curso para aprender a falar ben, mentres se lles negou a axuda escolar a máis de 50 familias lalinenses por “falta de cartos”"
Ecos da Comarca/Lalín
O PSdeG-PSOE de Lalín denuncia "o despilfarro inxustificable de máis de 540 euros nun curso que o Concello pagou co diñeiro de todos os lalinenses para que a concelleira e tenente de alcalde, Paz Pérez, mellore a súa oratoria e aprenda a falar en público. Concretamente, o Concello abonou a cantidade 397 euros en concepto de inscrición no curso, cuestión que os socialistas xa ven absolutamente fóra de lugar, pero, o máis indignante, é que se lle aboaron á concelleira 143,42 euros en concepto de dietas e pola asistencia", aseguran os socialistas.

O PSOE considera "escandaloso que esta concelleira, cun salario anual de case 60.000 euros teña que pagar cos cartos de todos un curso para aprender a falar e que a maiores diso, pase a conta dun total de 551.6 quilómetros supostamente feitos nas viaxes de ida e volta a Santiago, cidade na que durante cinco días de setembro tivo lugar o curso". "Con ese supersalario o que menos podía facer era pagarse ela mesma a súa formación, pero non só lla pagamos os lalinenses, senón que tamén lle temos que pagar o combustible para asistir”, sinalan.
Publicidade
Os socialistas consideran “politicamente bochornoso” que unha persoa "que leva toda a vida na política teña que despilfarrar fondos públicos nun curso para aprender a falar ben, mentres ao mesmo tempo se lles negou a axuda escolar a máis de 50 familias lalinenses por “falta de cartos”".
“Hai diñeiro para que Paz Pérez aprenda a falar despois de décadas en política, pero non o hai para axudas dirixidas a mercar material ecolar. É un insulto a toda a veciñanza polo que imos reclamar explicacións, pois no último pleno tampouco se lle notou nigunha mellora nas súas dotes de comunicacións".
Para o PSOE este tipo de formacións son lexítimas, pero deberían pagarse do peto propio de cada un ou, en todo caso, por parte dos partidos políticos. Así, os socialistas preguntan os motivos polos que xa que este curso se financiou con diñeiro público non se lle ofreceu participar tamén aos partidos da oposición...
Publicidade
Se xustifican este curso baixo o argumento de mellorar o nivel de debate e de comunicación dos membros da Corporación, deberían ofrecelo a todos os representantes públicos e non só aos do Goberno. “Parece que non lle chega con ter un exército de asesores, mentres na oposición non temos acceso a estes recursos, que aínda teñen que pagarse a súa formación cos cartos de todos”.
Comments