O PSOE denuncia "o desleixo da Xunta con Melide na Educación e coas infraesturas hidráulicas"
- ecosdacomarca
- 5 may 2023
- 5 Min. de lectura
O secretario xeral do PSdeG provincial reclámalle que “como mínimo invista o que recada”, xa que, a través do canon da auga, “a Xunta recadou dende o 2012 en Melide 1.800.000 € e non se investiu nin sequera un terzo desa cantidade no municipio”
Ecos da Comarca/Melide
O PSdeG-PSOE denunciou en Melide en rolda de prensa “o desleixo do goberno da Xunta do PP con esta vila” no relativo a “infraestruturas hidráulicas e no ámbito educativo, de competencia autonómica”. O secretario xeral do PSdeG provincial, Bernardo Fernández Piñeiro, reclamou á Xunta que “como mínimo invista o que recada”, xa que, a través do canon da auga, “a Xunta recadou dende o 2012 en Melide 1.800.000 euros e non se investiu nin sequera un terzo desa cantidade no municipio”.
“Escúdanse en que é unha competencia municipal, pero o que é competencia municipal é a prestación do servizo, a dotación desas infraestruturas é unha competencia autonómica”, puntualizou Fernández Piñeiro.

Por outra banda, o secretario xeral provincial tamén sinalou a responsabilidade da Xunta cos centros educativos de Melide, esixindo que esta “cumpra coa súa obriga” e financie “as infraestruturas que xa chegaron ao fin da súa vida útil e que requiren un investimento directo da consellería”.
“Que intermediación coa Xunta fixo o candidato do Partido Popular para poder lograr estes investimentos?”, rematou preguntándose Fernández Piñeiro.
Pola súa banda, o candidato socialista á Alcaldía de Melide, Jose Prado, afondou nesa “dobre cara do PP de Melide”, que “di que pelexa polos intereses desta vila pero que á hora da verdade nin aporta nin colabora co goberno municipal”. “Non poden encher a boca con que con só 150.000 euros que van invertir no saneamento de Santa María teñen cumprido con Melide”, sinala o candidato. “Os cartos que pagamos os melidenses, onde se están invertindo? En Melide, non”, engade.
No referente áos colexios da vila, Prado sinalou que o PP “non pode presumir de invertir case un millón de euros no Colexio Número 1 porque estaba caendo a pedazos”. Mentres tanto, “no Colexio Número 3 teñen problemas nos tellados dende hai anos, no Número 1 todo o entorno da área deportiva está nun pésimo estado”, enumera o candidato.
“No número 2, que é o que máis dificiencias ten, levamos moitos anos pedindo un patio cuberto, unha pista polideportiva cuberta”, engade Jose Prado. “Sei do que falo porque eu formei parte da ANPA e as miñas fillas estudaron alí”, recalca.
A vicevoceira do PSdeG-PSOE no Parlamento de Galicia, Begoña Rodríguez Rumbo, refrendou o sinalado polos seus compañeiros, e engadiu que “o PP votou en contra de todas as iniciativas para solucionar as carencias de Melide” na cámara. Rodríguez Rumbo sinalou ademais que esta situación ten “o agravante de que unha das responsables do goberno foi alcaldesa, e durante estes anos nada ten feito para dar resposta ás necesidades deste Concello”.
No relativo á recadación do canon da auga en Melide, a vicevoceira socialista indicou que este diñeiro “pasa a un fondo común do que, de cada 10 euros, 8 van para Concellos gobernados polo Partido Popular”. A parlamentaria quixo reafirmar o compromiso do PSdeG coa vila asegurando que dende o seu grupo parlamentario “voltaremos presentar as iniciativas”.
O que di o PP de Melide sobre isto:
"Coñecidas as últimas informacións dadas polos Socialistas de Melide xunto co Secretario Xeral do PSOE, Bernardo Fernández dende o PP de Melide INFORMAMOS:
1.- A Xunta de Galicia leva apoiado a Melide en múltiples investimentos en todos os eidos, pero se nun é punteiro é en materia de saneamento. Os dous treitos de saneamento na parroquia de Santa María xestionados no mandato 2015-2019 e executados no actual son froito dos convenios de colaboración continua con Augas de Galicia para mellorar a calidade de vida dos veciños deste e doutros puntos do Concello.
2.- É faltar a verdade dicir que a Xunta de Galicia desatende as súas competencias cando ten investido máis de 2,8 millóns de euros no mantementos e explotación da EDAR municipal de Melide cuxa xestión lle correspondería por lei ao Concello. O PP recorda que o tratamento de augas residuais urbanas é unha competencia municipal, tal e como establece a Lei de réxime local, e a pesar diso, a Xunta está a xestionar a depuradora de
Melide desde o ano 2007.
3.- Augas de Galicia redactou tamén o proxecto para a conexión do polígono industrial da Madanela á EDAR, proxecto que foi enviado ao Concello en decembro do ano 2020. Precisamente ao respecto desta actuación, A XUNTA ACORDOU CO CONCELLO DE MELIDE QUE ESTA OBRA SE FINANCIARÍA A TERZOS ENTRE A XUNTA, O CONCELLO E A DEPUTACIÓN, tal e como recolle o acordo plenario aprobado no propio Concello de Melide. Polo tanto, non se entenden as declaracións realizadas a este respecto polos Socialistas de Melide e o seu Secretario Xeral, na que elude a súa responsabilidade e o compromiso adquirido entre Xunta e Concello.
4.- A Xunta tamén entregou ao Concello o Proxecto de Rexeneración da Praia Fluvial do Río Furelos, proxecto que está informado favorablemente con todos os permisos sectorais xestionados e que, sigue metido nun caixón a pesar de que o PP de Melide deixou un Concello totalmente saneado economicamente (4,5 millóns de euros de aforro municipal).
5.- En materia Educativa non temos coñecemento de que o actual bipartito Municipal se reunise, nin unha soa vez, cos responsables da Xunta en materia educativa para trasladarlle as demandas de Melide, so se fixo eco das mesmas tanto AM-PSOE unha vez que o PP se reuniu cos representantes das ANPAS de cara a presentación dun programa realista e acorde coas necesidades de Melide.
6.- O PP pon en valor o trabalo feito en anteriores lexislaturas onde cada CEIP máis o IES de Melide se beneficiaron cada seu centro de investimentos: cambios de cuberta no CEIP A Martagona, arranxo de WCs, cambio de carpitarías, mellora da eficiencia enérxética, reforma integral do CEIP número 1, arranxo das demandas do CEIP Mestre Pastor Barral; e por destacar no IES de Melide posta en marcha da Escola de Idiomas durante o mandato popular servizo que deixou caer o actual bipartito AM-PSOE.
Dende o PP de Melide falase con datos e con feitos durante 4 anos e non a a penas 25 días das eleccións municipais. Foron moitas as ocasións onde no pleno municipal os 6 edís do PP de Melide se puxeron a dispor do goberno para solicitar investimentos e convenios. É curioso que o actual responsable da portavocía da Deputación da Coruña, Bernardo Fernández, veña a Melide despois de 4 anos sen asinar nin un so convenio para Melide
cando a Deputación é a administración que debe de apoiar xurídica e económicamente aos Concellos e a Xunta pola contra, investiu en Melide en servizos e mellora da calidade de vida dos melindeses".
Comments