A entidade provincial aprobou o co-financiamento das obras de separación das redes de saneamento e pluviais na rúa Pucho Boedo e a renovación das beirarrúas na marxe dereita
Ecos da Comarca/Touro
Os socialistas de Touro agradecen o apoio da Deputación da Coruña nas obras para solucionar os problemas da rede de saneamento e tamén o compromiso do ente provincial co municipio de Touro.
"A entidade provincial aprobou hoxe (por onte), no Pleno do mes de febreiro, o co-financiamento das obras de separación das redes de saneamento e pluviais na rúa Pucho Boedo e a renovación das beirarrúas na marxe dereita da vía, no casco urbano do municipio. O proxecto é unha iniciativa do grupo socialista de Touro", recalca.
O PSOE sinala que "actualmente existen graves problemas no funcionamento da estación depuradora de augas residuais (EDAR), que se solucionarán coa separación das redes de saneamento e pluviais nesta rúa”, explica a voceira socialista en Touro, Gemma López, sobre os traballos previstos. “Esta EDAR dá servizo ao maior núcleo urbano do Concello, polo que o seu bo funcionamento é clave para evitar verteduras ao río Lañas”, engade.
A socialista recorda que para realizar estes traballos na rede de saneamento e pluviais “resulta imprescindible substituír a beirarrúa na marxe dereita da vía, polo que contaremos ademais cunha renovada zona para os peóns, que aportará maior seguridade”.
E recalca que "sta obra, que solucionará os problemas da depuración de augas, é un proxecto que presentamos dende o grupo socialista. Agradecemos o compromiso e a colaboración da Deputación da Coruña nestes traballos, que aportará o 80% do orzamento, é dicir, máis de 104.000 euros”, conclúe a voceira socialista.
Comments