Ecos da Comarca/Rodeiro
"Deshumanizada". Ese é o adxectivo que lle pon o PSOE de Rodeiro "á política que exerce o PP, no goberno local dende hai doce anos, a meirande parte deles coa actual candidata do partido conservador, Cati Somoza, nun posto relevante dentro do executivo". Os socialistas empregan ese cualificativo "tras comprobar, unha vez máis, a nefasta xestión municipal do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) e da atención a persoas dependentes".
O PSOE, por boca do seu candidato á alcaldía e secretario xeral local, José Luis Camiñas, indica "que o executivo está deixando sen ese servizo de axuda no fogar a algúns usuarios dun día para outro". "Chámanlles e dinlles que, por falta de persoal, mañá non lles van axudar e punto. Así, de xa para xa, sen ter en conta a vulnerabilidade desas persoas e a situación precaria na que pode quedar un maior ou un dependente sen esa coidadora que vai á súa casa a asealo, facerlle a comida ou limpar. Estamos ante o paradigma dunha política deshumanizada e sen sensibilidade, a comprobación de que en Rodeiro non se goberna para o pobo nin co pobo, senón de costas ao mesmo", reprocha José Luis Camiñas.
40% da poboación
O PSOE de Rodeiro asegura que no municipio hai máis de case 900 persoas maiores de 64 anos, o que representa a case o 40% da poboación do concello. Dentro desta franxa hai tanto persoas que necesitan axuda por cuestión de idade como de dependencia, así como tamén hai dependentes con moita menor idade. "Por tanto, o Servizo de Axuda no Fogar (SAF), o que permite que coidadores e coidadoras acudan aos domicilios destas persoas para atendelos durante unhas horas ao día é unha das prestacións fundamentais para os veciños; un programa que debería funcionar á perfección porque trátase de atender a persoas vulnerables e, nalgúns casos, incluso en risco de exclusión social. Sen embargo, en Rodeiro este servizo leva anos con eivas, escaseza de persoal e mala xestión e, se non funciona aínda peor, é pola profesionalidade dos traballadores e traballadoras, que non poden facer máis ante uns xestores políticos inoperantes e miopes".
Nos últimos días, apunta "a situación é xa de desfeita total e o Concello está a avisar aos usuarios dun día para outro de que non lles pode enviar á persoa que lles axuda porque non conta con efectivos. Non lles importa que un dependente poida quedar sen asear, que unha persoa maior non teña quen lle cociñe ou lle faga a cama? De que tipo de pasta están feitos, faríanlle iso a algún familiar?", pregúntase con incredulidade José Luis Camiñas.
Dende o PSOE lémbranlle ao goberno local que o Servizo de Axuda no Fogar "non é ningunha dádiva nin regalo do Concello aos veciños, senón que é unha prestación que
lles pertence por dereito, que está regulada e que a veciñanza consegue tras moitos
trámites e unha longa espera. Ademais, cofinánciase cos impostos dos cidadáns, nos que
debería reverter cando se atopan nunha situación de dependencia ou vulnerabilidade tal e como corresponde a un Estado do Benestar".
José Luis Camiñas denuncia que tanto o actual goberno local de Rodeiro como o equipo co que o PP concorre ás eleccións, "que son exactamente o mesmo, resultan responsables da pésima xestión dun servizo fundamental para os maiores e dependentes do municipio".
"Tanto Luis López como Cati Somoza foron dous dos principais protagonistas da paulatina desfeita na que se converteu a xestión municipal", acusa Camiñas
E fai tamén extensiva a culpabilidade ao exrexedor e presidente provincial do PP, Luis López, "dado que como delegado da Xunta debería velar polo funcionamento
deste servizo, que cofinancia a consellería de Política Social". "O PP, avergoñado pola
xestión municipal que está a facer en Rodeiro, trata de vendernos agora que o equipo co
que concorre ás eleccións nada ten que ver co do goberno local. Tocan en óso, porque en
Rodeiro coñecémonos ben todos e os veciños saben que tanto Luis López como Cati
Somoza foron dous dos principais protagonistas da paulatina desfeita na que se
converteu a xestión municipal. Eles puxeron os cimentos dunha forma de gobernar que non ten en conta ás persoas, que non atende a quen máis o precisa, e o único que fixo Rubén Quintá foi continuar por ese mesmo camiño. Que ninguén pense que Cati Somoza
se presenta con outras ideas, porque o que hai agora mesmo en Rodeiro é o que tanto
ela como Luis López dispuxeron e fixeron. Ambos foron o faro que guiou aos que viñeron
detrás, que á falta de sensibilidade cos servizos sociais sumaron unha ineficacia inaudita
para calquera xestión municipal. E así estamos agora, facendo bo ese refrán de que
aqueles polvos traen estes lodos...», sinala Camiñas.
O PSOE ten claro que, se o 28 de maio os veciños de Rodeiro lle dan a súa confianza, o Servizo de Axuda ao Fogar "será unha prestación fundamental. E a atención a maiores e dependentes converterase nunha prioridade absoluta e non no dramático espectáculo actual".
コメント