Considera que as convertiron "en monumentos ao feísmo" e reclama que se desafecten para destinalas a vivendas sociais
Ecos da Comarca/Rodeiro
O PSOE de Rodeiro, da man do seu candidato á Alcaldia e secretario xeral local, José
Luis Camiñas, continúa facendo unha "oposición constructiva ante o desleixo do Goberno
local do PP". De aí que dende o partido socialista se denuncie a situación "lamentable e
perigosa na que se atopan as casas dos mestres que aínda quedan en pé en Rodeiro,
despois de que parte delas fosen derrubadas polo goberno local do PP para construír un
«mausoleo» que segue a consumir inversión sen que se saiba cal vai ser a súa utilidade".
Esas vivendas aínda en pé, sinala, pertencentes polo de agora á Consellería de Educación e ubicadas no casco urbano "e nun lugar ven visible posto que está a tiro de pedra o tanatorio, o pavillón dos deportes, o cuartel da Garda Civil ou o colexio, están
convertidas nun perfecto monumento ao feísmo pola deixadez tanto da Xunta como do
seu cómplice imprescindible: o goberno local actual, o cal presidiu nun primeiro momento
Lugués e no que tamén foi parte fundamental a candidata popular, Cati Somoza".

Sinala que por fóra, "as fachadas desas vivendas caen a cachos e os cristais de moitas das portas e ventás están esnaquizados. Por dentro, o lixo está a vista e o abandono é total e absoluto. Non só se trata dun nefasto exemplo estético no medio do centro urbán, senón que supoñen un perigo polo risco de que poida entrar calquera e mancarse e, ademais, son un exemplo de todo o que unha Administración non debe facer. Como lle vai pedir a Xunta ou o Concello aos veciños que teñen fincas ou vivendas axeitadamente se eles son os primeiros que non cumpren coas normas?".
Sensibilidade
O PSOE, cansado de que o goberno local "mire para outro lado tanto con este ben
público como con moitos outros xa denunciados como o punto limpo", quere darlle unha
folla de ruta ao executivo para saír desta situación. "Para empezar, hai que pedir a
desafectación das vivendas á Consellería de Educación. Se o actual goberno do PP non é
quen de facelo, dados os continuos tropezos que ten coas tramitacións oficiais, non ten
máis que pedir axuda, posto que os socialistas sabemos do que falamos. Así, foi
unicamente cando gobernou o PSOE en Rodeiro no momento no que houbo sensibilidade
e preocupación real polas vivendas dos mestres e se conseguiu desafectar parte delas,
concretamente oito, quedando outras tantas en mans de Educación. Claro que a intención
do executivo socialista xamais foi facer ese trámite para que foran derrubadas e se construíra o citado mausoleo. O obxectivo de entón era adecentar estes inmobles para dotar a Rodeiro dun parque de vivendas sociais totalmente necesario e moi acaído para
intentar fixar poboación, unha asignatura na que este Goberno, como en tantas outras,
suspende totalmente", recalca o PSOE.
Perdida a oportunidade de facer vivendas nesas primeiras casas desafectadas, "nas
que o PP meteu a piqueta de forma inmisericorde nun momento no que a ningún Cconcello
se lle ocorre tirar en lugar de rehabilitar", a proposta de Camiñas para as casas que aínda
quedan en pé é a seguinte: "Hai que desafectalas, restauralas e convertelas en vivendas
sociais. Eses inmobles poden ser un incentivo para fixar poboación e, sobre todo, un pilar
para axudar a aquelas familias en risco de exclusión social. Rodeiro ten que amosar
sensilidade social e facer valer os dereitos constitucionais, empezando polo artigo 47, que
di que todos os españois teñen dereito a unha vivenda digna".
Así mesmo, Camiñas lembra que alá por finales do 2021 o goberno local anunciou con grande solemnidade que estaba intentando desafectar as vivendas. "Pero, dende entón, nada de soubo da tramitación. Quedaría tamén atrancada nalgún caixón como os orzamentos e as subvencións perdidas por non enviar a tempo as cousas? Está claro que ou o executivo local non cumpriu cous seus deberes ou a Xunta, do mesmo partido, acostumada a dárlle as costas a Rodeiro e levar os investimentos para concellos limítrofes como Dozón, non fixo caso da petición. O PP fai anuncios que nunca traspasan o papel mentres a realidade é que esas vivendas van agonizando en pleno casco urbano sen que ninguén lles bote a man".
Ante todo isto, o PSOE non deixará pasar esta oportunidade para contar con vivendas sociais nun sitio tan privilexiado do pobo. "Coidar os bens públicos, ademais dunha obriga legal, é a constatación da sensibilidade cos cartos públicos, cos que proceden do peto dos cidadáns. Pero está claro que ao PP das privatizacións se lle atraganta o que é de todos", sinala José Luis Camiñas.
Comments