O PSOE de Melide denuncia "o uso partidista que o PP realiza dos medios de comunicación públicos"
- ecosdacomarca
- 30 jul 2022
- 1 Min. de lectura
"Esta mesma semana, a secretaria xeral do PP de Galicia, Paula Prado, visitou Melide da man da TVG para vender o apoio do seu partido aos nosos veciños", sinala
Ecos da Comarca/Melide
Os socialistas de Melide critican e lamentan "o uso partidista que o PP realiza dos medios de comunicación públicos nos seus actos e visitas ao concello. Esta mesma semana, a secretaria xeral do PP de Galicia, Paula Prado, visitou Melide da man da TVG para vender o apoio do seu partido aos nosos veciños".

O PSOE melidense considera que "é unha deslealtade". "Nos últimos meses houbo varios actos do PP coa cobertura da TVG, onde con terxiversacións e mentiras, sempre trasladan unha imaxe negativa de Melide e do goberno municipal”, sostén José Antonio Prado, portavoz dos socialistas de Melide.
“Hai unha clara obsesión por parte do PP e de Paula Prado, por perxudicar a Melide e o seu goberno, o que representa unha utilización dos medios públicos que non merecen os nosos veciños e veciñas”, engade. O PSOE de Melide levará este tema ao Parlamento de Galicia, con varias iniciativas a través do grupo socialista para demandar un cambio de postura do PP e da Xunta.
コメント