“Melide merece explicacións claras dun feito que considera moi grave”, recalca o voceiro, José Prado
Ecos da Comarca/Melide
A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) aprobou definitivamente o 26 de novembro pasado, a subvención de máis de 174.000 euros para un proxecto privado do que é promotora a portavoz do PP de Melide e exalcaldesa, Dalia García Couso. "A Xunta Directiva do GDR UTM, esaxeradamente politizada polo PP, aprobou en xullo un proxecto promovido por Dalia García, consistente na rehabilitación de antiga casa reitoral de Santo Estevo de Vilamor - Toques, para a posta en marcha dun establecemento de hospedaxe no Camiño de Santiago, cun custo total que ronda os 373.499.24 euros", lembra o PSOE de Melide. Este investimento aprobouse, como xa denunciara o voceiro municipal do PSDG-PSOE en Melide, José Prado, en reunión celebrada no verán pola Xunta Directiva do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Ulla -Tambre - Mandeo, "do que Dalia García Couso era secretaria e a maioría dos membros da mesma, son cargos públicos do PP: alcaldes do PP de O Pino, Touro, Vilasantar e a de Boimorto, exPP polo asunto da vacuna do Covid-19, así como concelleiras do PP en Santiso, Arzúa, Touro e Melide", recalcan o socialista.
Prado, afirma que "o paso de Dalia García polo GDR compromete claramente a súa credibilidade política e amosa cales son as súas prioridades”. E engade: “ Dalia entra a formar parte da directiva, tras abandonar a Alcaldía, en representación dunha asociación veciñal e abandona a mesma tras acadar unha subvención a título persoal”.
Commentaires