O PSOE de Lalín solicitará máis ciclos formativos como unha FP de enerxías renovables
- ecosdacomarca
- 15 may 2023
- 2 Min. de lectura
Alba Forno, candidata á Alcaldía, indica que tamén reclamarán á Xunta a posta en marcha de FP bilingües, “que nos demanda a mocidade e consideramos que son formacións que darán oportunidades ás futuras xeracións”
Ecos da Comarca/Lalín
"A mocidade é unha das grandes esquecidas deste Goberno" consideran os socialistas lalinenses e por iso, ao longo do seu programa, contemplan varias propostas para “ofrecerlle un futuro mellor e cheo de oportunidades”, indica a candidata á Alcaldía, Alba Forno. Para iso, nas medidas de Educación, recóllense varias iniciativas que permitirán aumentar a oferta educativa en Lalín e ofrecer máis instalacións para as reunións dos/as estudantes.

Establecer coas diferentes universidades e Centros de Formación unha feira, será unha
das medidas máis relevantes. “Nestes eventos, a mocidade pode coñecer de primeira
man toda a oferta educativa que teñen dispoñible, consultar as dúbidas e aclarar todas as
súas inquedanzas de cara ao seu futuro”, expón Forno. "Esta feira pode ser un atractivo
para toda a comarca e será un punto atractivo para Lalín.
“Solicitaremos máis ciclos de Formación Profesional, que actualmente están moi
demandados e ofrecen numerosas saídas profesionais á mocidade”, explica Forno. Entre
eles, está pedir unha FP de Enerxías Renovables e Instalacións Sostibles, que “será un
dos nichos de emprego nos vindeiros anos, pola situación na que se atopa a enerxía”. Así
mesmo, pediranlle á Xunta de Galicia a posta en marcha en Lalín de ciclos bilingües,
aproveitando os fondos que o Estado recentemente aprobou para as Comunidades
Autónomas. “Sabemos da importancia que teñen os idiomas para buscar emprego, por iso
é preciso mellorar o currículo da nosa mocidade neste eido. Notan a falta deste tipo de
formación e son viables para traelas a Lalín”, aclara a candidata.
Forno indica que a demanda que máis escoita por parte da mocidade é contar cun horario
de biblioteca amplo, “medida que tamén afecta a todas as persoas que están opositando
ou facendo unha formación a distancia, que non teñen un horario amplo e, en moitas
ocasións, péchase sen previo aviso como vimos nestes catro anos”. Complementario a un
horario máis amplo da Biblioteca Municipal, habilitaranse espazos que se poñerán á
disposición da veciñanza para quedadas de traballos grupais ou reunións, sempre con
previa reserva. “A través dunha aplicación ou mesmo na biblioteca, poderán reservar
estes espazos que serven mesmo para reunións de colectivos que non teñen un recinto
físico para quedar. Cremos que é unha medida sinxela e que será de moita utilidade para
toda a veciñanza”.
A candidata á Alcaldía indica que hai moitas eivas na educación e “nestes catro anos non
se traballou para acadar melloras efectivas para as futuras xeracións, que moitas delas
son sinxelas e só cuestión de contar cunha boa organización, como pode ser o horario da
Biblioteca”.
Comments