O PSOE de Lalín solicita unha mellora integral da estación de autobuses deste municipio
- ecosdacomarca

- 25 oct 2025
- 3 min de lectura
E ademais pide a adaptación dos horarios de autobuses ás conexións ferroviaria de alta velocidade
Ecos da Comarca/Lalín
O PSOE de Lalín levará ao vindeiro pleno municipal unha moción a través da cal solicitará unha mellora integral da estación de autobuses de Lalín e a adaptación dos horarios de autobuses ás conexións ferroviaria de alta velocidade.
Os socialistas sinalan que a estación de autobuses de Lalín é unha infraestrutura importante para o día a día da veciñanza. Centos de usuarios e usuarias utilizan estas instalacións cada semana para desprazarse a outros concellos da comarca, a Ourense, Santiago ou Pontevedra, tanto por motivos laborais e educativos como sanitarios e administrativos. "Trátase, polo tanto, dun servizo público básico que debería ofrecer unhas condicións adecuadas de confort, seguridade e accesibilidade". Porén, sinala, que "a realidade é moi distinta. O edificio atópase nun estado de conservación deficiente, con carencias tanto no interior como no exterior:

Baños que non funcionan ou presentan un estado deficiente.
Iluminación moi escasa nas dársenas e nas rúas da contorna, con farois que
permanecen apagadas en horario nocturno.
Mobiliario antigo e deteriorado, escasa climatización na parte superior durante o inverno e ausencia de espazos confortables para a espera.
Información ao público desactualizada, con horarios de liñas incompletos e
sen indicación sobre se o servizo se realiza por estrada convencional ou por
autopista, etc".
E lembran que " a pesar de que no ano 2019 se realizaron obras na cuberta, a estación non recibiu ningunha mellora integral nas últimas décadas. O resultado é unha instalación que ofrece unha mala imaxe da vila e non está á altura do nivel de servizo que merece unha infraestrutura deste tipo. O Grupo Municipal Socialista considera que a Xunta de Galicia, como administración competente en materia de transporte interurbano e titular da estación, debe acometer un proxecto de mellora integral destas instalacións. Dito proxecto debería incluír actuacións de renovación do interior e dos espazos de espera, mellora da iluminación interior e exterior, reparación e adecuación dos baños, instalación dun sistema
de climatización eficiente, mellora da accesibilidade e modernización dos paneis informativos e servizos ao usuario".
Publicidade
E recalca que "Lalín precisa unha estación funcional, segura e que dea resposta ás necesidades dos seus habitantes e ofreza unha boa imaxe aos visitantes. Do mesmo xeito, é necesario aproveitar o potencial que ofrece a chegada da alta velocidade ferroviaria a Ourense, que permite situar Lalín a menos de tres horas de Madrid. Esta conexión supón unha oportunidade para mellorar a mobilidade da veciñanza, favorecer o desenvolvemento económico e fortalecer a atracción de investimentos e turismo".
Non obstante, apunta o PSOE, que a día de hoxe "esa oportunidade está a perderse pola falta de coordinación entre os horarios dos autobuses interurbanos e os trens AVE en Ourense. As esperas excesivas —moitas veces superiores á hora— ou a imposibilidade de enlazar co tren en tempo útil impiden un uso eficaz do transporte público. Actualmente existen seis frecuencias diarias de autobuses Lalín–Ourense e outras tantas no sentido inverso, pero só unha permite realizar o transbordo co AVE cun tempo de espera inferior a unha hora e ningunha cun tempo inferior a trinta minutos. No sentido Ourense–Lalín, apenas dúas conexións son aceptables. Esta falta de coordinación afecta a centos de usuarios potenciais, limita a mobilidade da comarca e resta competitividade a Lalín. Cómpre lembrar que o Pleno da Corporación xa aprobou en 2022 unha moción nesta mesma liña presentada por este Grupo, instando á Xunta a axustar os horarios. Porén, non se produciu ningunha mellora nin actuación dende entón".
O Grupo Municipal Socialista entende que é urxente reclamar á administración autonómica unha que garanta polo menos tres conexións diarias coordinadas no sentido Lalín–Ourense (mañá, mediodía e tarde-noite) e outras tres no sentido inverso (Ourense–Lalín), cun tempo máximo de espera de trinta minutos. "Trátase dun axuste horario sinxelo, pero cun gran impacto positivo na mobilidade e na calidade de vida da cidadanía".
Publicidade
En vista dos datos postos de manifesto o Grupo Municipal Socialista propón ao Pleno do Concello a adopción dos seguintes acordos:
1. O Pleno do Concello de Lalín insta á Xunta de Galicia a redactar e executar un proxecto de mellora integral da estación de autobuses de Lalín, que inclúa actuacións de renovación interior e exterior, mellora da iluminación, reparación de baños, climatización, accesibilidade e información ao usuario.
2. O Pleno do Concello de Lalín solicita á Xunta de Galicia que adapte os horarios dos autobuses interurbanos entre Lalín e Ourense ás conexións ferroviarias de alta velocidade Ourense–Madrid, garantindo polo menos tres frecuencias diarias coordinadas en cada sentido, e que o tempo de espera non supere os trinta minutos.








Comentarios