Ecos da Comarca/Lalín
O PSOE de Lalín pedirá, a través dunha moción que levará ao vindeiro pleno, ao Concello de Lalín que poña en marcha os camiños escolares seguros. "Ata hai pouco tempo en Lalín os cativos e cativas ocupaban as rúas para o xogo sen o acompañamento de persoas adultas e desprazarse a pé ao seu centro educativo era o máis habitual. Na actualidade, debido aos cambios experimentados como sociedade, esta autonomía limitouse de xeito drástico, entre outras cousas pola prioridade que teñen ós vehículos nas rúas", sinala o PSOE.

Este feito, engade, "provoca que cada día vexamos aglomeracións de vehículos ás portas dos colexios e institutos do casco urbano, coincidindo cos horarios de entrada e saída dos
nenos e nenas, onde tamén se dan situación perigosas para os propios estudantes e familiares provocadas por estas aglomeracións. Os camiños escolares seguros son unha medida que se está a implantar en numerosos concellos da nosa contorna, con moi boa aceptación por parte dos menores e das familias usuarias dos mesmos. Permiten reducir a circulación de vehículos nos horarios puntuais de entrada e saída dos centros e fan que sexa seguro e atractivo o camiño da casa ao centro escolar, ofrecendo unha maior autonomía aos cativos, que poden desprazarse sen a supervisión directa dun adulto, como se facía antes".
Publicidade
En definitiva, recalcan os socialistas, "os camiños escolares fan que as nosas rúas sexan máis habitables. Trátase de promover e facilitar que os nenos e nenas camiñen ou se despracen de xeito autónomo, a través duns itinerarios indicados e acondicionados para que o desprazamento sexa unha actividade segura, sostible e agradable".
"A propia Dirección Xeral de Tráfico, fixou hai anos entre os seus obxectivos operativos a promoción de camiños escolares seguros, resaltando que para a súa posta en marcha é tamén precisa a implicación dos centros escolares e das familias. Estas iniciativas, teñen un impacto positivo na contaminación producida polos desprazamentos en vehículos, pero tamén contribúen a mellorar os malos datos de soidade e illamento que se reflexan entre a poboación máis nova, ou mesmo os datos de sedentarismo e obesidade que non paran de medrar nos últimos tempos. Supoñen polo dito melloras en canto á saúde, o medio ambiente e incluso un aforro económico ao non usarse os vehículos privados".
Publicidade
O PSOE subliña que "coa posta en marcha dos camiños escolares seguros é posible crear un entorno seguro para a vida dos nosos nenos e nenas, cousa que é imprescindible para o desenvolvemento das súas capacidades físicas cognitivas e sociais".
Por todo o exposto, o Grupo Municipal Socialista do Concello de Lalín somete ao Pleno da Corporación a adopción do seguinte acordo:
1. Solicitarlle ao goberno local a que comece coa fase de estudo, diagnóstico e deseño dos camiños escolares seguros para os centros escolares da vila, contando coa participación de toda a comunidade educativa e demais asociacións que teñan a ben participar, co fin de poñer estas vías en funcionamento de cara o comezo do curso escolar 2024-2025.
Comments