Ecos da Comarca/Lalín
O PSOE de Lalín demanda a peonalización das rúas Principal e Loriga e o inicio dun novo plan de mobilidade que priorice a recuperación de espazos públicos para a xente.
"Todos os modelos actuais de mobilidade urbana pasan pola recuperación dos espazos públicos para as persoas. Porén, a maioría de cidades e vilas, non só de Galicia e de España, senón da maior parte de Europa e do mundo están a avanzar na posta en marcha de políticas de recuperación destes espazos e de fomento das mobilidades alternativas. Este proceso foi acelerado pola irrupción da pandemia de coronavirus e, todas as experiencias e estudos de mobilidade (incluídos os de Lalín), conclúen que un modelo que outorgue prioridade aos cidadáns que se despracen a pé ou en sistemas de transporte non motorizados aportará importantes beneficios para a convivencia, a seguridade e calidade de vida ambiental urbana e tamén para a economía", indica o PSOE. "En definitiva, é un feito constatado e irrenunciable que os procesos de peonalización serven para gañar calidade de vida, melloran a trama urbana, converten a zona nun punto de atracción, favorecen o dinamismo comercial e reducen os niveis de contaminación, entre moitas outras cuestións".
Sinala que no Concello de Lalín existen dous documentos estratéxicos que avogan pola peonalización de diferentes espazos da vila como fórmula para reactivar o comercio e mellorar a seguridade e a calidade de vida. Por un lado, o Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS) entre moitas outras propostas define a necesidade de reducir a elevada presenza de vehículos privados no centro urbano e crear un entramado urbano máis accesible para os peóns, propoñendo para isto a creación de plataformas peonís nas rúas Principal e Joaquín Loriga como inicio dun plan máis amplode peonalización. Este mesmo estudo tamén resalta a enorme capacidade de estacionamento público que ten Lalín no propio centro ou a escasos minutos a pé (aparcadoiro Aldea Grande, campo da feira, Regueiriño) cuestión que diferenza a nosa doutras vilas e facilita o proceso para a redución dos vehículos nas zonas máis céntricas.
Doutra banda, o Plan de Acción Para o Comercio e a Hostalaría de Lalín propón como unha das fórmulas para reactivar o sector “dar preferencia aos peóns e facilitar o encontro e a relación destes”. Entre outros beneficios que trae este modelo para os comerciantes cita: Dinamizar a zona comercial, incremento potencial do número de clientes, aumento do valor do establecemento, cambio na tipoloxía do comercio.
Para residentes e usuarios: Gañar en calidade de vida, gañar en seguridade vial, mellorar a calidade do aire e reducir o ruído, revalorización dos inmobles, mellora dos itinerarios, redución do número de accidentes, aumento dos espazos de lecer e de compras con maior comodidade.
"Así, o anterior goberno iniciou o camiño cara unha nova mobilidade urbana en Lalín máis sostible respectuosa coa xente, avanzando en proxectos de humanización como o executado na rúa Matemático Rodríguez, a humanización de Calvo Garra, o peche durante as fins de semana de Principal e Loriga, o peche de Rosalía de Castro e puntualmente doutras rúas céntricas, o proxecto para a creación dunha plataforma peonil en Principal e Loriga (actualmente en execución), proxectando a humanización da Avenida Xosé Cuíña, creando pasarelas peonís de continuidade urbana, deseñando o Cinto Verde de Lalín, etc", lembra. "Este proceso viuse cortado de raíz coa chegada do PP de novo ao goberno que, tras utilizalo como arma electoral, paralizou todos os pasos que se tiñan dado e recoñeceu en varias ocasións a súa preferencia por modelos de mobilidade arcaicos que rexeitan practicamente todos os demais municipios incluídos os da súa mesma cor política. Un exemplo claro da pouca sensibilidade do goberno actual coa recuperación dos espazos públicos para a xente radica na intención anunciada de seguirlle dando prioridade aos coches nas rúas Principal e Loriga unha vez rematada unha rexeneración na que se investirán uns 700.000 euros", engade.
Ante todo isto demanda a través dun moción que levará ao vindeiro pleno ao goberno municipal a peonalización das rúas Principal e Loriga unha vez rematados os traballos de humanización e rexeneración que se están levando a cabo. Ademais, solicita ao Concello de Lalín a elaboración á maior brevidade posible dun plan estratéxico de mellora urbana que aborde as diferentes accións a desenvolver no referente á reorganización da mobilidade enfocada á implantación progresiva dun modelo peonil no centro de Lalín, tal e como se recolle no PMUS e no estudo sobre o comercio.
Comentarios