O PSOE de Lalín rexeita a proposta de Crespo de nomear unha rúa de Lalín na honra a Manuel Fraga
- ecosdacomarca

- 11 feb 2025
- 2 Min. de lectura
"O que pretende é crear un debate estéril para desviar a atención das verdadeiras preocupacións da sociedade lalinense, como a sanidade, a educación, a ausencia de prazas en escolas infantís, ou a debilidade de moitos outros servizos públicos", sinala
Ecos da Comarca/Lalín
Ante a proposta do alcalde deste municipio, José Crespo, de nomear unha rúa de Lalín ou outro espazo público na honra a Manuel Fraga Iribarne, o PSdeG-PSOE de Lalín lémbralle "que o Concello de Lalín non está para resolver os problemas internos do Partido Popular, senón para solucionar os problemas reais da veciñanza. O que pretende facer Crespo con esta proposta é crear un debate estéril para desviar a atención das verdadeiras preocupacións da sociedade lalinense, como a sanidade, a educación, a ausencia de prazas en escolas infantís, ou a debilidade de moitos outros servizos públicos".

A secretaria xeral, Alba Forno, subliña que “non lle imos entrar no xogo, máis cando o propio Crespo falou en numerosas ocasións sobre a necesidade de consensuar calquera cambio na nomenclatura das rúas”. “Agora por puro afán de protagonismo nunha trifulca interna no seu partido, pretende impoñer unha decisión que dubidosamente responde á vontade maioritaria da cidadanía”.
Publicidade
Por outra banda, explica que ao PSdeG-PSOE de Lalín e aos lalinenses “preocúpanos menos Fraga que a trama de empadroamentos ilegais que vén de destaparse no noso municipio e sobre a que Crespo, lonxe de dar explicacións convincentes, só se dedicou a botar balóns fóra”.
Ademais, Forno lembra "que a Lei de Memoria Democrática prohibe a exaltación de figuras vinculadas á ditadura franquista e que darlle o nome de Manuel Fraga a unha rúa podería vulnerar esta normativa, como xa sucedeu noutros concellos onde se ordenou a retirada de honras a persoeiros relacionados co réxime franquista".
O que dixo Crespo:
"Non hai dereito a facer o que se fixo en Cariño con Manuel Fraga o noso fundador. A mezquindade do BNG e do PSOE non é de recibo, aínda que xa nos teñen acostumados, pero que a maiores o PP se absteña non ten moita explicación, por iso eu non quero quedar calado, e a miña intención vai ser que na primeira reunión de voceiros que teñamos en Lalín voulles informar da miña intención de darlle o nome dunha rúa, praza ou espazo público a Manuel Fraga Iribarne.
Lalín débelle moito, como me dixo un día a min Pepe Cuiña: “eu tirei todo o que puiden para Lalín, pero non esquezas que sen o visto bo de Fraga non sería posible".








Comentarios