O PSOE de Lalín revelan "que non existe ningún expediente iniciado sobre a reversión do vello centro de saúde"
- ecosdacomarca
- 20 ago 2024
- 2 Min. de lectura
Forno valora esta situación como “unha tomadura de pelo por parte do alcalde"
Ecos da Comarca/Lalín
Os socialistas de Lalín revelaron este luns que no "Concello non consta iniciado ningún expediente, nin existe documentación algunha en relación ao proceso de reversión do inmoble do vello centro de saúde anunciado en varias ocasións polo alcalde, José Crespo". Así se informa nun decreto de Alcaldía no que se denega, por non existir, o acceso aos documentos ou escritos que se teñan tramitado polo goberno municipal sobre esta cuestión e que a voceira municipal do PSOE, Alba Forno, solicitara a comezos do mes pasado.

Forno valorou esta situación como “unha tomadura de pelo por parte do alcalde, pois demóstrase que non fixeron ningunha xestión firme ou concreta coas demais administracións implicadas neste traspaso”. Sinala que “queda constatado que todo o anunciado polo alcalde é fume” e que “o único certo é que Crespo se tratou de atribuír a proposta dos socialistas para dedicar o vello ambulatorio a fins sociais cando quede sen uso”.
Publicidade
Nesta liña a voceira do Grupo Municipal do PSdeG-PSOE considera que “é unha desfachatez rexeitar e mesmo ridiculizar esta iniciativa cando os socialistas a levamos a pleno, para facela súa un ano despois e demostrase a continuación que, en realidade, o goberno do PP non avanzou en ningún trámite”.
Publicidade
Lembrou que o PSdeG-PSOE levou esta medida no programa electoral e tamén o propuxo no pleno de marzo dese mesmo ano, onde Crespo a rexeitou rotundamente chegando a cualificar como “chiste” un proxecto que agora quere atribuírse. “Despois deste dantesco percorrido aínda temos máis motivos para solicitarlle desculpas ao alcalde ante a cidadanía”, sinalou.
Para a voceira socialista o máis preocupante é que “non haxa nada feito a día de hoxe por parte do PP” e que “a reversión do vello centro de saúde por parte do Ministerio ao Concello se vaia atrasar moito no tempo impedindo que sexa destinado a fins sociais canto antes”. “Se non fose pola obsesión do alcalde contra o PSOE estes trámites poderían levar case dous anos de avances”, concluíu.
Comentarios