O PSOE de Lalín responsabiliza a Crespo "de poñer en perigo as festas das Dores"
- ecosdacomarca
- 16 sept 2023
- 3 Min. de lectura
Acúsao disto ante os desacordos cos feirantes e considera que "a falta de atraccións constituiría un prexuizo inadmisible para a imaxe da nosa vila, pero, sobre todo, sería nefasto desde o punto de vista económico e social”
Ecos da Comarca/Lalín
O PSdeG-PSOE de Lalín fai responsable á “deixadez e á nefasta xestión de Crespo Iglesias e do seu goberno de que as festas das Dores periguen tal e como as coñecemos e poidan quedar por vez primeira na súa historia moderna sen atraccións”. Para a voceira municipal, Alba Forno, “estamos ante un novo capítulo do caos organizativo instalado no Concello desde a volta do PP, que unha vez máis volverán pagar os veciños e veciñas”. Así, esíxelle ao executivo local “sentarse a negociar e chegar a un acordo cos feirantes polo ben de Lalín e de toda a súa veciñanza”.

A voceira socialista sinala que “é evidente que houbo unha mala praxe por parte do goberno do PP desde o comezo do proceso para as instalación das atraccións”. Así, explica que “acostumados a que comulguen co seu proceder durmíronse e non foron previsores cos feirantes. Despois quixeron arranxar a desfeita á desesperada e desde a improvisación, pero quizais sexa tarde e serán os lalinenses os que paguen a chapuza deste goberno”. “Crespo non para de fanfarronear coa súa suposta capacidade de xestión, pero é nestas cousas onde hai que demostralo. Esiximos que se poñan a traballar, que negocien e que alcancen unha solución urxente, pois as festas comezan en menos dunha semana”, engade Alba Forno.
Para o PSOE local, no caso de que finalmente se cumpra o previsto polos feirantes e non haxa atraccións nas festas “habería que esixir responsabilidades polo dano causado a Lalín”. “A falta destes elementos”, explica Forno, “constituiría un prexuizo inadmisible para a imaxe da nosa vila, pero, sobre todo, sería nefasto para os intereses económicos do comercio e da hostalaría e, o que é máis grave, deixaría aos lalinenses e principalmente aos nosos nenos e nenas sen un dos principais ingredientes para o desfrute das festas”.
Publicidade
Alba Forno sostén que as atracción son “un atractivo indispensable para que a xente acuda ás Dores”. “Moita xente acode desde o rural ou desde outros concellos para levar aos nenos e nenas a dar unha volta nas atraccións e despois quedan a tomar algo ou a cear, deixando un retorno económico moi importante no sector que pode perderse ante a
incapacidade deste goberno”.
Doutra banda, a voceira socialista traslada o malestar que esta situación está provocando na rúa, no comercio e a hostalaría. “Hai un enfado evidente que o PP non vai dar tapado. Con todo, se isto se producise durante a etapa do goberno de coalición Crespo xa estarían montando manifestacións”, afirma.
Publicidade
Carreira solidaria
Alba Forno volveu lamentar que o goberno eliminase “sen dar ningún tipo de explicación” a carreira solidaria das Dores. A socialista considera que esta proba formaba xa parte indiscutible do programa festivo, sendo un evento dinamizador diferente co que dar inicio ás festas, que ademais deixaba un beneficio económico moi importante en Lalín. “Moitos
corredores doutras localidades quedaban a durmir ou a cear en Lalín, os nenos e nenas divertíanse facendo deporte, a Cruz Vermella obtiña fondos para a súa labor social e o centro da vila vivía un ambiente inmellorable que quedará en nada por culpa do revanchismo do PP”. A concelleira sinala que nos últimos días se recibiron moitas queixas por esta cancelación e que incluso deportistas da localidade valoran saír a correr polas rúas o venres a modo de reivindicación.
Comments