top of page

O PSOE de Lalín reclama que se atendan as demandas da veciñanza da rúa P

“É preciso o acondicionamento das beirarrúas e da rúa, un mellor saneamento, máis iluminación, así como a peonalización con acceso exclusivo para os garaxes”, comenta Forno


Ecos da Comarca/Lalín

Os socialistas de Lalín esíxenlle ao goberno local que se atendan as demandas da veciñanza da rúa P. Os concelleiros, Alba Forno, e Mario López, mantiveron un encontro cos residentes, onde quedou patente "o seu malestar polo estado no que se atopa este viario, así como polo abandono ao que se ven sometidos polo Concello".

Afirman que xa en varias ocasións se puxeron en contacto co goberno, pero que “só fixeron pequenos arranxos que non solucionan o mal estado no que se encontra”. “Os veciños e veciñas piden que se acondicione a súa rúa, que leva décadas sen ter unha actuación en condicións, pero o goberno só se acorda deles en elecións”, sinala Forno. Así, o asfaltado atópase en mal estado, con numerosos furacos, que mesmo algún deles tapou a propia veciñanza ante a falta de atención e para evitar danos nos vehículos. Outra das principais problemáticas radica na saída dun garaxe, posto que lle aparcan na beirarrúa de enfronte e “faise imposible que poidan saír os vehículos. A pesar dos numerosos avisos á Policía Local, non se actúa e a sinal de prohibido aparcar, non fai a súa función”.


Publicidade

Tamén hai problemas coas baixantes, cuxo mal funcionamentro provoca acumulacións de auga na rúa. Así mesmo, Forno sinala que “hai unha finca próxima na que non se cometen as obrigas de mantemento e a as silvas superan a altura das persoas que transitan por ela”.

Tamén hai problemas cos servizos de limpeza, "que non é efectiva non continuada, fallas na iluminación e unha colonia de gatos que debe atender o Concello tal e como se establece na Lei de Benestar Animal. En materia de infraestruturas tamén é precisa a adecuación das beirarrúas para as persoas con mobilidade reducida".


Publicidade

Alba Forno explica que “o único que solicitan é ser escoitados, por iso lle pedimos ao Goberno que atenda as súas demandas e que de maneira urxente solucione as eivas máis relevantes”. Ademais, a socialista apunta que “unha boa medida, que nos trasladou a propia veciñanza, é facer esta rúa peonil con acceso só para os garaxes, que non supón ningún problema para o tránsito de vehículos pola zona e que solucionaría a problemática dos aparcamentos e tamén de que os viandantes poidan transitar pola mesma con normalidade”.

Forno conclúe afirmando que son “demandas xustas e coherentes de veciños/as dunha rúa que leva décadas abandonada, e que a problemática que teñen aféctalle a toda a veciñanza de Lalín ao transitar ou circular por esta vía, por non falar da imaxe que ofrecemos con asfaltados e sen adecuacións dende fai máis de dúas décadas”.


0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page