“O compromiso cos valores europeos demóstrase con políticas e símbolos, non pensando que a UE é un caixeiro,” afirma Alba Forno
Ecos da Comarca/Lalín
O Grupo Municipal dos Socialistas de Lalín presentou este luns unha iniciativa para que a partir do 9 de maio a bandeira europea ondee coas outras bandeiras oficiais na Casa do Concello e non sexa retirada desde ese día. Desde o PSOE lémbrase que "calquera que se achegue ao Concello pode ver que non está entre as bandeiras oficiais o que dá mostra do escaso compromiso cos valores europeos do goberno municipal".
“O vindeiro 9 de maio celébrase como cada ano o Día de Europa, non esperabamos que se fixera actividade desde o Concello pois non hai unha verdadeira programación cultural, pero polo menos deberían colocar a bandeira da UE onde lle corresponde e deixala permanecer con todas as oficiais e tela presente nos diferentes actos oficiais que se leven a cabo”.
Publicidade
Para a Secretaria Xeral e voceira dos socialistas lalinenses, Alba Forno, “o compromiso cos valores europeos demóstrase con políticas e respectando os símbolos da unidade europea como é a súa bandeira integradora” pois semella que “algúns entenden Europa como un caixeiro para facer o que lles peta e logo criticar ou denostar as políticas europeas que esas mesmas opcións políticas apoiaron en Bruxelas “.
Publicidade
Desde o PSOE local anímase á cidadanía a reflexionar sobre os beneficios da integración europea e todo o que nos aporta neste 9 de maio no que se cumpren 74 anos da Declaración de Schumann, que estableceu o xerme do que é hoxe a UE, á que España chegou en 1986 cun Goberno socialista e agora en 2024 seguimos sendo os socialistas e o Goberno actual de Pedro Sánchez "quen mellor representa os valores europeos de paz, concordia e unión na diversidade".
Comments