Dende o grupo socialista lembran que esta medida se levou a cabo co goberno da
coalición, "pero o PP nestes catro anos non fixo nada por mantela en vigor"
Ecos da Comarca/Lalín
O PSdeG-PSOE de Lalín asegura que recuperará a democracia do rural e convocará as
eleccións para elixir aos/as pedáneos/as das parroquias. Norma Fernández, membro da
candidatura socialista, lembra que esta medida supuxo unha volta “á transparencia e á
democracia durante o goberno de coalición, pero coa volta do Partido Popular
retrocedeuse”.

Coa chegada do cuatripartito, comezou a elixirse ás persoas representantes das
parroquias mediante eleccións e aprobouse un regulamento de participación cidadá nas
aldeas. Mais na actualidade, seguen os/as mesmos/as pedáneos/as, a pesares de que
deberían haber cesado hai catro anos, coa volta do PP ao Goberno. “Está claro que ao
Goberno de Crespo non lle gusta a democracia nin os procesos participativos, nos que a
veciñanza ten voz”, expón Fernández.
Cabe lembrar que en novembro de 2019, o grupo socialista e CXL presentaron un escrito
solicitando a legalidade da situación e no informe de Secretaría recollíase que non se
estaba a cumprir a normativa aprobada durante o anterior mandato. Ademais, en dito
informe explicábase que había que aplicar a normativa, é dicir, pór en marcha o
procedemento de elección dos alcaldes de aldea, ou modificar ou mesmo derrogar
devandito regulamento. Tamén se aclaraba que dese xeito non se podían realizar acordos
nin realizar funcións ou xestión dos/as alcaldes/as de barrio ou os consellos parroquiais
que figuran no Regulamento de Participación Cidadá. “É dicir, que o Concello contou con
estes representantes, nomeados en 2016, pero sen atribucións. Foron catro anos
perdidos neste sentido e que hai que modificar de maneira inmediata para que estas
persoas poidan exercer as súas funcións”, asevera a membro da candidatura.
Dende o PSOE de Lalín aseguran que esta medida é fundamental nun Goberno que
“debe ser transparente e demócrata”, e que ademais “é urxente para o noso rural, que tan
abandonado está. Este é o mellor xeito de estar en contacto constante con todas as
aldeas e coas súas necesidades, e, por suposto, con todas as persoas que residen no
rural, que a través dos/as seus representantes poden facernos achegar as súas
demandas”. Así mesmo, aclara Fernández que así se desbota a política de ter
representantes afíns ao partido do Goberno, “posto que son elixidos entre todos e todas
nas urnas. Esta é unha política vella que non debe seguir e nós non a queremos. O noso
obxectivo é atender e escoitar a toda a veciñanza, independentemente da súa cor política.
Por iso convocaremos ass eleccións neste ano, para que volva a democracia ao noso
rural”.
コメント