E tamén para as persoas empadroadas neste concello que estudan fóra e que soliciten as axudas de transporte// Este partido presenta mañá a súa candidatura no Pazo de Liñares
Ecos da Comarca/Lalín
O partido socialista de Lalín propón duplicar a partida económica para a campaña Volta ao cole e tamén para o estudantado que solicita a de transporte. Lembra que en setembro do pasado ano propuxeron que se aumentase esta partida, mais “semella que prefiren seguir apostando polas grandes inversións en festas en lugar de axudar ás familias, posto que entón votaron en contra no pleno, indicando que xa fixeran unha suba, pero a realidade é que as familias seguen padecendo as subas continuadas dos prezos”, indica Alba Forno, candidata á Alcaldía.
Dende o grupo socialista afirman que 100 euros para a Volta ao Cole non son suficientes para moitas familias, por iso en setembro do pasado ano propuxeron duplicar esta partida
a 60.000 euros e destinar 200 euros. “Hai que ter en conta que no principio de curso hai
numerosos gastos, ademais dos libros, coma a roupa ou a volta ás actividades extraescolares. Coa suba de prezos que houbo, 100 euros quédanse moi curtos”, expón
Forno. Así mesmo, engade que no seu momento non se atendeu a petición do Partido
Socialista, “porque este Goberno semella que prefire festas ou contar con persoal a dedo
para facer fotos, en lugar de cubrir as necesidades tan básicas que ten a nosa veciñanza”.

Por outra banda, Forno asegura que no seu programa electoral recóllese o aumento da
partida económica para estas axudas e tamén para as do transporte que solicitan as
persoas empadroadas que están estudando fóra. “Consideramos que neste momento
ambas non son suficientes e por iso temos claro que será unha prioridade, porque
ademais foi unha das demandas que recollemos nestes catro anos por parte das familias”.
Dende o grupo socialista entenden que aumentar as partidas económicas para estas
axudas debería ser unha prioridade, posto que “moitas familias están a pasalo mal”. É
certo que co traballo das ANPAS en canto ao banco de libros supón unha axuda
importante, “pero no principio de curso son moitos os gastos que se contemplan e máis en
familias numerosas, por iso, tamén propoñemos flexibilizar as condicións e facer que esta
axuda chegue a máis cativos/as”. Así mesmo, engaden que o mesmo sucede coas de
transporte, “que se quedan escasas para sufragar estes gastos que cada vez son máis
elevados”.
Presentación mañá
Por outra banda, o PSOE lalinense presentará mañá, xoves 4 de maio, a súa candidatura liderada por Alba Forno. Será no Pazo de Liñares, en Lalín, ás 21:00 horas.
Ademais de Forno, está previsto a intervención do eurodiputado Nicolás González Casares; o secretario provincial do PSOE, David Regades; a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva e o ministros de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación, J. Manuel Albares.
Comments