O PSOE de Lalín presenta un Plan de apoio aos autónomos con axudas directas e bonificacións
- ecosdacomarca

- 15 feb
- 2 min de lectura
Inclúe apoio ao alugueiro ou á mellora e dixitalización, exencións fiscais nos primeiros anos ou compensacións cando as obras municipais afecten á actividade económica
Ecos da Comarca/Lalín
O PSdeG-PSOE de Lalín presentou onte o seu Plan Municipal de Apoio aos Traballadores Autónomos, unha proposta que será defendida no vindeiro pleno municipal e que busca aplicar medidas concretas desde o Concello para reforzar o tecido económico local.

En Lalín hai actualmente unhas 2.145 persoas autónomas, un colectivo moi importante para a economía do municipio. Así o destacou o concelleiro socialista e secretario de
Comercio, Emprego e Desenvolvemento Económico do PSOE de Lalín, Mario López, quen
subliñou que “os autónomos crean emprego, manteñen actividade económica e prestan
servizos esenciais todos os días”. “Por iso”, dixo, “cando falamos de apoiar aos autónomos, falamos de apoiar a veciños e veciñas que viven do seu traballo ou que queren emprender desde aquí, e iso require medidas municipais reais e próximas, que dependan do Concello, e non de discursos dirixidos a Madrid”, afirmou López.
Publicidade
O plan que o grupo socialista levará ao pleno contempla axudas municipais directas para o inicio e mantemento da actividade, incluíndo apoio á mellora e dixitalización dun proxecto, apoio ao alugueiro de locais nos primeiros meses, así como un réxime de bonificacións fiscais municipais durante os dous primeiros anos de actividade, con rebaixa da taxa do lixo, bonificacións do IBI e redución do 50 % no ICIO para as obras necesarias para abrir ou adaptar un negocio.
Ademais, a proposta inclúe bonificacións no imposto de vehículos cando estea afecto á
actividade profesional, así como compensacións fiscais temporais nos casos en que as obras municipais afecten de maneira directa ao desenvolvemento da actividade económica dun negocio.
Publicidade/DOAZÓN PARA ECOS DA COMARCA

Pola súa banda, Eva Castro, secretaria de Mocidade do PSOE de Lalín, destacou que o plan está pensado “para todos os perfís de autónomos, teñan ou non local físico”. “Moitas
persoas, sobre todo as máis novas, que emprenden ou traballan desde casa ou no ámbito
dixital, non teñen persiana, pero si teñen gastos, responsabilidades e impostos. Este plan
tamén pensa neles”, explicou Castro.
A responsable socialista sinalou que “se queremos que Lalín siga tendo actividade económica e oportunidades, o Concello debe facilitar que quen xa está poida consolidarse
e que quen decide iniciar un proxecto aquí non atope máis obstáculos dos necesarios”.
Publicidade
Desde o PSdeG-PSOE insistiron en que a iniciativa que será debatida no próximo pleno
responde a unha idea sinxela: “A política local útil é a que resolve problemas reais. E
apoiar aos máis de dous mil autónomos de Lalín é unha responsabilidade que depende
directamente deste Concello”.








Comentarios