Indica que esta medida foi impulsada polo Goberno de coalición e que no pasado mandato se paralizou “primeiro por culpa do Covid e logo por non querer devolver a democracia ao rural”
Ecos da Comarca/Lalín
O grupo municipal do PSOE de Lalín propón para a súa aprobación no pleno de xullo o
inicio do proceso democrático para a elección de alcaldes/as de barrio das parroquias.
Alba Forno, voceira socialista, indica que “no pasado mandato se paralizou este proceso,
primeiro aludindo ao Covid e logo por non querer devolver a democracia ao rural”.
Dende o grupo socialista lembran a lei de réxime local xeral, Lei 7/1985, de 2 de abril, no
seu artigo 20 deriva cara ás comunidades autónomas nas súas leis de réxime local e cara
os municipios nos seus regulamentos orgánicos a capacidade de regulación dos órganos
complementarios de organización municipal, entre os que se atopan, no caso que nos
ocupa, os alcaldes de barrio. Así mesmo, na lei reguladora do réxime local de Galicia, Lei
5/1997 de 22 de xullo, regula esta figura no seu artigo 73, de xeito similar á lexislación de
ámbito estatal, pero en todo caso no seu artigo 59 volve a derivar esta cuestión ós
regulamentos municipais cando establece textualmente que “Os municipios da
Comunidade Autónoma de Galicia teñen a potestade de autoorganización e por elo
poderán aprobar os seus regulamentos orgánicos sen outro límite que o respecto ás
regras de organización municipal establecidas pola lexislación básica do Estado e pola
presente Lei”.
Publicidade
Con este amparo, dende o Goberno da coalición aprobaron en outubro do 2015, coa
abstención do PP, o Regulamento de Participación Cidadá nas Parroquias do Concello de
Lalín, que quedou aprobado definitivamente en xaneiro de 2016, Neste regulamento
indícase que o proceso “abrirase cando se constitúa o Goberno, logo de cada proceso
electoral municipal. “Ante isto, podemos afirmar que todos/as os/as alcaldes/as de barrio
pasaron 4 anos en funcións, ante a postura do Goberno anterior de non convocar as
eleccións pertinentes”.
Cabe lembrar que o Goberno adquiriu o compromiso de convocar as eleccións en canto
entrase o seguinte mandato “e en vista do que sucedeu durante os catro anos anteriores,
que puxeron escusa tras escusa, pedimos que dean comezo a este proceso electoral de
maneira inmediata. Ademais, cabe lembrar que nalgunha parroquia faleceu a persoa que
exercía esta función, polo tanto é máis urxente dar comezo ás eleccións”, apunta a
concelleira socialista.
Comments