Sinala que tivo unha boa acollida o proxecto piloto posto en marcha nas provincias de Jaén e Lugo e que Correos estendeu esta posibilidade aos carteiros rurais de toda España
Ecos da Comarca/Xeral
O PSdeG-PSOE de Lalín levará ao vindeiro día unha moción para que se inicien as xestións oportunas -contando loxicamente co ORAL, en tanto que ten delegada en parte a xestión dos tributos- para a sinatura dun convenio con Correos que permita realizar o pago dos tributos municipais a través dos propios carteiros e carteiras que reparten polas zonas rurais. Ademais, pide que unha vez que o convenio entre en vigor, se faga chegar a toda a veciñanza esa información, para que se queren utilizar ese novo servizo, teñan a oportunidade de facelo dende o primeiro momento.

Dende hai un ano, explica, a Sociedade Estatal Correos y Telégrafos (en adiante Correos) comunicou que empezaban a ofertar a través dos seus carteiros e carteiras rurais servizos a domicilio como retirar diñeiro en efectivo, enviar e recibir paquetería, adquirir embalaxes, sobres e selos, xestionar servizos de luz, gas e telefonía, e moitos servizos máis, entre eles o de pagar recibos e tributos, que ata agora só se ofrecían nas entidades físicas. Isto é posible a través dos novos dispositivos portátiles que lles permiten aos carteiros poder realizar estes trámites e evitan a cidadanía os desprazamentos a unha oficina de Correos ou calquera outra entidade administrativa ou bancaria.
Despois da boa acollida, sinala, que obtivo o proxecto piloto posto en marcha nas provincias de Jaén e Lugo, Correos estendeu esta posibilidade aos carteiros rurais de toda España ofrecendo as xestións antes mencionadas. Isto enmárcase dentro dunha campaña da entidade para potenciar o rural e aumentar os servizos nestas zonas.
"No caso de pagos de tributos, a veciñanza poderá, dentro do prazo estipulado, abonar directamente ao carteiro o recibo previamente notificado, pero para iso é necesario que exista un convenio entre a administración que xestione o recibo (Concello e/ou Deputación a través do ORAL) e Correos. Neste momento, xa son moitos os concellos que ó longo do ano 2021 e sobre todo 2022 se adheriron a este sistema en toda España, e en concreto en Galicia, o de Xinzo de Limia, ou o xa citado de Lugo, que por ter sido proxecto piloto, conta con convenio asinado xa dende xuño do ano 2020 que permite aboar os distintos tributos municipais por ese sistema", apuntan os socialistas.
O pago destas taxas a través deste servizo -unicamente no caso que sexa en efectivo- terá un pequeno custo (nestes momentos é de 1,95 euros, por ser por xiro postal), pero evita os desprazamentos que en moitas ocasións teñen que facer os veciños e veciñas para poder pagar os recibos, cos custos e incomodidades que comportan. "Lalín é unha vila que conta con moitos núcleos rurais nos que vive unha poboación bastante avellentada, e que non conta -agás en casos moi concretos- con servicio de transporte público. Por iso dende o PSdeG-PSOE de Lalín consideramos fundamental a posta en marcha desta iniciativa que contribuiría a unha mellora das condicións de vida no noso rural (especialmente para aquelas persoas que non dispoñen de medios nin condicións de saúde ou idade para poder desprazarse a Lalín), para acercar a administración á cidadanía e, por suposto, para axudar a frear o despoboamento do rural, ao que desgraciadamente non é alleo o noso concello".
Comments