top of page

O PSOE de Lalín pide eliminar os discos da Zona Azul e substituílos por un sistema tecnolóxico

"Aforraríase a fabricación dos discos, minimizaríase o tempo de control da Policía Local e tamén se evitaría o problema da carencia ou o descoñecemento da necesidade de usalos"


Ecos da Comarca/Lalín

O PSOE de Lalín levará ao vindeiro pleno unha moción a través da cal lle solicita ao Concello a eliminación dos discos da Zona Azul e a súa substitución por un novo sistema baseado nos actuais avances tecnolóxicos.


Sinala que os sistemas de estacionamento regulado, comunmente coñecidos como zona azul ou zona ORA, son unha solución implementada en moitas cidades desde hai anos para xestionar o uso do espazo público destinado ao estacionamento de vehículos. As zonas azuis establécense en áreas específicas dos cascos urbanos onde a demanda de estacionamento é alta, como son as zonas comerciais. O estacionamento nestas áreas está limitado a un tempo determinado, o que permite que máis vehículos poidan acceder aos espazos dispoñibles. Isto axuda a rotar o uso dos lugares de estacionamento. En Lalín implantouse este sistema hai case dúas décadas e foise estendendo por diferentes rúas.

"Aínda que se ten valorado en diversas ocasións aplicar tarifas, a día de hoxe a zona de

estacionamento regulado en Lalín é gratuíta. Os usuarios deben colocar os discos horarios á vista nos seus coches marcando a franxa de estacionamento. Este sistema pode considerarse obsoleto na actualidade e presenta unha serie de deficiencias como poden ser a escaseza de discos, o descoñecemento da súa utilización por persoas de fóra de Lalín, principalmente, o gasto recorrente na compra de novos discos ou a maior dificultade para o control dos estacionamentos por parte da Policía Local", explica o PSOE.


Ademais, lembra que en numerosas ocasións o Concello puxo sobre a mesa a posible substitución deste sistema por un novo sistema tecnolóxico ou dixital. "Esta iniciativa recollíase na estratexia Edusi Lalín Ssuma 21 e chegou a realizarse un estudo de mercado no ano 2019 para súa implantación. Actualmente a automatización da zona azul recóllese na Axenda Urbana de Lalín. Coa eliminación dos discos e a posta en marcha dun sistema tecnolóxico daríase solución a unha serie de ineficiencias detectadas no sistema de estacionamento de zona azul. Así, aforraríase a fabricación dos discos e minimizaríase o tempo de control por parte da Policía Local, evitando que os axentes patrullen as rúas con zona azul. Tamén se evitaría o problema da carencia ou o descoñecemento da necesidade de utilizar o disco e sería máis doado para a maioría dos usuarios a utilización do servizo, xa que se podería manexar de maneira dixital e telemática", subliñan os socialistas.


Publicidade

Preme na imaxe se queres contactar connosco.

Por todos estes motivos, solicitará ao Concello a eliminación dos discos da Zona Azul e a súa substitución por un novo sistema baseado nos actuais avances tecnolóxicos.


Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page