Sinala que está o prazo aberto para esta axuda do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia que permitiría contar cunha que serva para abastecemento das instalacións municipais e para proporcionar enerxía para a veciñanza
Ecos da Comarca/Lalín
O Concello de Lalín ten a posibilidade de solicitar unha nova subvención do Plan de
Recuperación, Transformación e Resiliencia para crear un proxecto de Comunidade
Enerxética Local (CEL). A Unión Europea impulsa dende 2019 a creación destes
proxectos autónomos e marcados pola participación veciñal para reducir a dependencia
das grandes eléctricas que case monopolizan o mercado, ademais de ser unha iniciativa
que contribúe á loita contra o cambio climático. Dende o PSdeG-PSOE de Lalín solicitaron por rexistro que se faga esta solicitude para poder contar cunha CEL que serva tanto para abastecemento das diferentes instalacións municipais como para proporcionar enerxía para a veciñanza que se sume á iniciativa.
“As comunidades enerxéticas de autoconsumo son unha porta aberta á participación activa da cidadanía e colocan no centro do beneficio á propia comunidade, que se asegura desta maneira e en boa medida a súa sustentabilidade ambiental, social e económica”, explican dende a bancada socialista.

O Concello, sinala, tan só tería que dispoñer dos terreos, que poden ser dentro do propio casco urbano ou a 2.000 metros en liña recta do mesmo. "Como exemplos, poderían ser
empregados os espazos que hai entorno á zona de aparcamento dos Xulgados ou no entorno do Pontiñas".
“Cunha CEL poderíase reducir os custos enerxéticos que xera o propio Concello con placas solares e, ademais, permitiríaselle á veciñanza que poidan investir neste proxecto e, en función da inversión, repártese a enerxía”, indican. Así mesmo, engaden que se deberían marcar unhas bases para o seu uso, de maneira que se lle daría prioridade ás familias numerosas ou con escasos recursos, entre outras posibilidades. "Outro uso que podería ter é a creación de espazos de recarga para os vehículos eléctricos, que cada vez urxen máis no municipio, e valorar outras iniciativas para darlle saída á enerxía creada".
Dende o PSdeG-PSOE de Lalín solicitaron que dende o Goberno presenten un proxecto
para obter esta subvención e así contar cunha CEL neste concello, “que permitiría crear a propia enerxía verde para aforrar a través do autoconsumo e encorvar os seus excedentes á rede, ademais de que esta iniciativa contribúe a reducir as emisións e loitar contra o cambio climático”, conclúen.
Comments