Tamén lle solicita, ante o aumento da poboación canina, se poñan en funcioanmento ao longo deste mandato novas instalacións destinadas ao recreo e benestar destes animais
Ecos da Comarca/Lalín
O grupo socialista de Lalín solicítalle ao Concello que reabra o parque canino que está preto da estación de autobuses. Lembra que o parque para cans da rúa Fonte Sanguiña foi impulsado polo goberno de coalición, concretamente, pola concelleira socialista, Celia Alonso, e posto en funcionamento en febreiro de 2019 grazas a unha axuda do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.
"Esta iniciativa buscou dar resposta ás necesidades da crecente poboación canina do casco urbano e ás demandas dos propietarios e propietarias de cans, que viñan solicitando un espazo no que as mascotas puidesen correr libremente, xogar, divertirse e exercitarse, xa que adoitan pasar longo tempo en espazos reducidos e máis, tendo en conta que no resto da vila, incluído o paseo do Pontiñas, é obrigatorio que paseen con correa".
Deste xeito, sinala que "esta infraestrutura constituiu tamén unha clara aposta por parte do Concello para contribuir ao benestar animal. Tras valorar diferentes espazos, optouse por esta superficie axardinada situada na parte inferior da estación de autobuses duns 1.200 metros cadrados ao ser a que mellor se adaptaba ao parque polas súas condicións: extensión suficiente, sombra, ser relativamente céntrica e ser unha área onde se constatou que moitos lalinenses xa levaban aos seus cans. E o Concello comprometeuse a manter unha especial vixilancia do parque para que se fixera un bo uso do mesmo e que, por exemplo, se mantivese limpo de excrementos, cuestión na que os donos e donas de cans mostraron unha gran responsabilidade ao longo dos seus cinco anos de funcionamento".
Publicidade
Con todo, sinala o PSOE, "este tipo de instalacións nunca son do agrado de todo o mundo e unha pequena parte da veciñanza das rúas Fonte Sanguiña e Otero Pedrayo (en moitos casos colaboradores ou membros do PP de Lalín) rexeitárono aludindo a que “provocaría cheiros, ruidos e dexeneraría a zona”. Coas eleccións municipais de 2019 á volta da esquina, o Partido Popular veu nesta circunstancia un elemento a través do que desgastar ao goberno de coalición e non dubidou en utilizalo como cabalo de batalla sen importarlle antepoñer os seus intereses electorais aos da maioría da veciñanza". Entre os argumentos "para posicionarse en contra do parque, o actual alcalde, José Crespo, asegurou que non é idóneo para os usuarios porque ten moi pouco esapazo, nin para a veciñanza, que non o
quere cerca das casas”. "Deste xeito e, sen mencionar ningunha alternativa a esta ubicación, Crespo prometeu o traslado do parque no caso de regresar á alcaldía".
Unha vez regresou o PP ao goberno local, recalca os socialistas, "o parque para cans seguiu funcionando con normalidade e desmostrando unha gran aceptación. Así mesmo, desapareceron as queixas daquelas persoas que protestaban durante o goberno de coalición. Non foi ata novembro de 2022 cando o goberno do PP anunciou o gasto de 20.500 euros en substituír este parque canino -que no seu día xa custou 12.000- a pesar de levar en funcionamento catro anos, ter moito uso, estar plenamente consolidado e non dar nin o primeiro problema".
"Os usuarios mostraron pronto a súa repulsa"
"Tras fracasar no intento de levar o novo parque á zona da avenida Xosé Cuiña, anunciouse o traslado ao paseo do Pontiñas a unha parcela que é 400 metros cadrados máis pequena que a que acolle o parque da estación de autobuses, deixando caer así polo seu propio peso un dos principais argumentos do alcalde Crespo para cambiar a instalación. A pesar de todo, o parque canino de Fonte Sanguiña seguiu aberto e con gran uso, sen provocar ningún problema nin suscitar rexeitamento ata que o Concello procedeu á súa clausura sen previo aviso e sen dar ningún tipo de explicación a comezos deste verán. Tras este peche os usuarios mostraron pronto a súa repulsa a unha decisión arbitraria e inxustificable, pois quedáronse só coa posibilidade do novo parque do Pontiñas que é presta un servizo moito peor, porque é máis pequeno, non está céntrico, a xente pola noite non se atreve a ir por estar alonxado e as persoas que baixan coas súas mascotas a un espazo verde como o Pontiñas non van coa intención de meter o seu can nun parque, senón que normalmente van coa intención de pasear e darlle un paseo".
Publicidade
Por todo o exposto, o Grupo Municipal Socialista do Concello de Lalín somete ao Pleno da
Corporación a adopción do seguinte acordo:
1. Solicitarlle ao Concello de Lalín a reapertura inmediata do parque canino situado na rúa
Fonte Sanguiña e a súa posta a disposición dos usuarios en perfectas condicións de
mantemento e seguridade.
2. Solicitarlle ao goberno local que, ante o aumento da poboación canina, se poñan en
funcioanmento ao longo deste mandato novas instalacións destinadas ao recreo e benestar
dos cans no casco urbano de Lalín.
Comments