O PSOE de Lalín mostra a súa preocupación polo estado da Rúa da Ponte
- ecosdacomarca

- 9 oct
- 2 Min. de lectura
Os socialistas mantiveron unha reunión coa veciñanza para coñecer de primeira man as demandas que fan ao Concello e tamén a Augas de Galicia pola “insostible” situación
Ecos da Comarca/Lalín
Veciñanza da Rúa da Ponte solicita por escrito ao Concello de Lalín a limpeza dunha finca sita na parte de atrás da Oficina Agraria da Xunta de Galicia. Nun primeiro momento, o Concello de Lalín respondeu alegando que era tema de Augas de Galicia, polo que veciños e veciñas desta área xa tramitaron a correspondente solicitude a esta entidade, “sen ter a día de hoxe resposta e prolongando unha situación insostible”.

Dende o PSOE de Lalín mostran a súa preocupación por esta problemática, que xa leva provocando malestar nos residentes desta zona. Así, mantiveron un encontro para coñecer de primeira man como é o estado desta zona e “puidemos confirmar que é insostible vivir nesta área”. A maleza, que medra sen control, e a insalubridade impídelle abrir as ventás e ademais deriva en aparición de diferentes bichos.
A única solicitude que fan dende a comunidade de propietarios do Edificio La Fábrica é que se leven a cabo as xestións oportunas para que se realicen os traballos de limpeza e
acondicionamento da beira do río ao seu paso pola zona da Trigueiriza que afecta
directamente e de forma continuada aos veciños e residentes nos edificios colindantes.
Publicidade
Dende o PSOE recalcan que preguntarán por este tema e esixiremos que o Goberno actúe
de xeito inmediato para que a maleza non siga aumentando e “agardamos que o Concello
lle dea unha resposta canto antes para que se inicien os traballos de limpeza, conservación e mantemento desa beira do río, a fin de impedir que a maleza continúe
medrando de xeito descontrolado”, reclaman. Engaden que de non ser competencia súa,
“deben traballar para que o órgano competente actúe na maior brevidade e inicie todos os
traballos”.
Ademais desta problemática, a veciñanza da Rúa da Ponte “síntese abandonada” posto
que as beirarrúas están totalmente descoidadas, con múltiples buracos ao longo de todo o
traxecto. “Se a isto lle sumamos o que está acontecer nesa área, pódese dicir que vivir
nesta área é ser veciño/a de segunda, xa que o Goberno de Crespo os ten totalmente
abandonados”, conclúen dende os socialistas de Lalín.







Comentarios