Contempla a creación dunha Comunidade Enerxética, a cal servirá aos edificios
públicos e na que tamén poderá investir a veciñanza para beneficiarse da mesma
Ecos da Comarca/Lalín
O PSdeG-PSOE de Lalín lanzará o proxecto integral de sostibilidade enerxética “Lalín
ON”, que se asemella ao Proxecto Europeo de Interese Singular que contempla diferentes
propostas. “É necesario avanzar neste eido para conseguir que Lalín sexa un referente
nunha vila verde e sostible”, expón a candidata socialista á Alcaldía, Alba Forno.

O proxecto contempla a posta en marcha dunha comunidade enerxética municipal, na que
poderá participar a veciñanza. “O obxectivo é crear enerxía limpa para as instalacións
municipais e tamén que poida ser empregada pola veciñanza que queira investir neste
proxecto”, explica Forno. A localización que valoran os/as socialistas é no aparcamento
situado xunto aos Xulgados e contaría con marquesiñas fotovoltaicas para que os
edificios municipais poidan aproveitar da enerxía solar, así como as novas instalacións
que se leven a cabo. “Coa enerxía xerada garantiremos tarifas accesibles para as/os
consumidoras/es vulnerables do noso municipio”, indica a candidata.
Por outra banda, este proxecto conta cunha comunidade enerxética industrial no Polígono
Lalín 2000. “Dende o Concello negociaremos para que os parques eólicos do Concello
reserven unha parte da enerxía limpa producida a prezos axustados que se dirixa ás
empresas de esta comunidade enerxética e que así se poidan beneficiar”.
En canto á depuradora de Lalín disporá dun sistema de captura de biogás das augas
residuais: “Ese gas reutilizarase nas caldeiras municipais co conseguinte aforro e tamén
se poñerá en marcha un servizo de asesoramento para que as explotacións
agrogandeiras do noso municipio poidan aproveitar esta fonte de enerxía e reducir a
contaminacións”, aclara Forno.
Puntos de recarga eléctrica
Por último, este proxecto tamén abrangue puntos de recarga eléctrica nos aparcamentos
públicos. “Cada vez son máis as persoas que contan con coches eléctricos e xa son
varios os municipios que dispoñen desta medida nas súas vilas, pero Lalín aínda carece
destes puntos e son necesarios”. Así mesmo, indica que a flota de vehículos que forman
parte do Concello serán de emisión cero nun 50 % para 2027 e nun 100 % para 2035.
Ademais, indica que todos os edificios que se constrúan por parte do Concello tamén
serán de emisións 0.
“Este é un proxecto ambicioso, que empezaremos a poñer en marcha en canto entremos
á Alcaldía para que poida ser unha realidade canto antes. Ademais de ser beneficioso
para o medio ambiente, ten moita utilidade para a nosa veciñanza, que poderá sumarse
ás enerxías limpas e ver reducidas as súas facturas”, revela a candidata á Alcaldía e
conclúe afirmando que “este proxecto vai ter interese europeo, pola súa condición integral, polo que sabemos que contaremos con Fondos da Unión Europea para levalo a cabo”.
Comments