O PSOE de Lalín lamenta que as festas das Dores non teñan ningún tipo de programación para os nenos
- ecosdacomarca
- 21 sept 2023
- 2 Min. de lectura
Saúda con satisfacción que finalmente vaia haber atraccións, mais lamenta as dúas semanas de incertidume e caos
Ecos da Comarca/Lalín
Os socialistas de Lalín saúdan con satisfacción que finalmente vaia haber atraccións nas festas das Dores, mais lamentan dúas semanas de incertidume e caos, froito dun goberno local que, como lle gusta dicir a destacados membros do PP, fixo “o canelo” neste tema. O PSdeG-PSOE sinala que “despois de querer pagar as festas a conta dos feirantes subíndolles os prezos un 300%, a Crespo non lle quedou máis remedio que recoller cable e apandar con todas as demandas do colectivo”.

Con todo, o PSOE lamenta que “as atraccións vaian ser o único entretemento que teñan os nenos e nenas nas festas cun cartel que non ten ningún tipo de programación para a infancia”. “Gastan 120.000 euros nunhas festas e non hai ningunha actividade para os máis pequenos, que terán que divertirse só se as familias poden afrontar o prezo das barracas”. Para o PSOE de Lalín “é unha cuestión inxustificable que demostra a nula sensibilidade cultural e cara os nenos e nenas do PP local, cun un cartel que semella un disparate e no que un ano máis o protagonismo absoluto é para as charangas e orquestras”.
Publicidade
Esta programación contrasta coas festas da época do goberno de coalición nas que se realizaban obradoiros, xogos gratuitos que enchían espazos como a praza de Loriga, funcións de monicreques, etc. “Por varrer co pasado ata eliminaron unha carreira solidaria que enchía de ambiente a rúa e que tiña como prioridade as carreiras infantís e para persoas con diversidade funcional”.
Publicidade
Para os socialistas as políticas culturais e de lecer do PP son “chapuzas sen continuidade e sen sentido”. “Non sabían que facer co Orgullo e xa non ten a repercusion que tivo, só traen orquestas sen ningun sentido organizativo, pero a cultura e o ocio non pode programarse a golpe de invención diaria, como a proposta dun festival cando Crespo deixou morrer o máis diferenciado que había en Lalín que era a Foliada”.
Commentaires