top of page

O PSOE de Lalín esixe explicacións ante as supostas novas irregularidades na selección da Policía Local

Reclaman que Pablo Areán asuma "responsabilidades ante a súa incapacidade para liderar o proceso"


Ecos da Comarca/Lalín

O PSOE de Lalín denuncia que o proceso de selección de tres prazas de Policía Local continúa completamente marcado "pola opacidade, os erros e as sospeitas, converténdose xa nun dos episodios máis escandalosos da historia do Concello". Sinala que "logo de que se repetisen as probas teóricas e as físicas por graves fallos, os candidatos e candidatas veñen de trasladar novamente ao PSOE o seu malestar ante novas irregularidades que, segundo explican, poderían constituír prácticas fraudulentas que invalidarían de novo o proceso".

Os aspirantes aseguran que "na repetición das probas físicas se están vulnerando as bases, por exemplo, coa presentación irregular dos recoñecementos médicos, que se fixeron fóra do procedemento establecido". Ademais, denuncian un suposto intento deliberado "de dificultar o acceso das mulleres á praza, elixindo superficies para as probas físicas que lles prexudican gravemente, reducindo os seus tempos en comparación con outras oposicións".


Esta situación, apuntan os socialistas, "é especialmente grave se se ten en conta que o corpo da Policía Local de Lalín conta cunha única muller en activo, unha anomalía absoluta respecto doutros municipios galegos. Mentres que nas probas da AGASP as marcas femininas melloran ano tras ano, en Lalín todas empeoraron, algo que resulta totalmente inexplicable se non hai un condicionante externo".


Tamén trasladan sospeitas "de manipulación nos resultados das probas físicas de

determinados candidatos que, segundo os aspirantes, poderían estar a ser favorecidos".


Publicidade

Preme na imaxe para obter máis información.
Preme na imaxe para obter máis información.

Ademais, varios destes candidatos manifestan a súa preocupación "polo papel que podería estar a desempeñar neste proceso o propio xefe da Policía Local, irmán da tenente de alcalde, Paz Pérez". O PSOE subliña que "non acusa directamente a ninguén, pero si é certo que estas sospeitas reiteradas e a existencia de vínculos familiares no organigrama político e policial alimentan a percepción de interese ou interferencia e obrigan ao goberno municipal a ofrecer explicacións claras e inmediatas, pois as sospeitas reiteradas e a falta de transparencia están enlamando un proceso que debera ser impecable".


O PSdeG-PSOE de Lalín denuncia que o concelleiro responsable da Policía Local, Pablo Areán, "mantén un silencio clamoroso e non está a altura das responsabilidades que lle corresponden. É evidente que non é capaz de liderar este proceso cun mínimo de rigor,

polo tanto debería valorar asumir responsabilidades políticas".


Publicidade

Preme para contactar con nós e pregunta polas tarifas que son unha bicoca!
Preme para contactar con nós e pregunta polas tarifas que son unha bicoca!

Os socialistas preguntan cal é o interese do Concello en manter este proceso baixo control

interno, cando practicamente todos os concellos de Galicia derivan este tipo de oposicións

á AGASP. "Mentres tanto, o corpo da Policía Local segue desmantelado, con mínimos históricos de efectivos, sen cobertura en quendas de noite e cun clima de tensión nas rúas nunca antes vivido en Lalín. Todo isto mentres continúa paralizado un proceso selectivo que debía servir para reforzar o servizo. É urxente que se tomen decisións e que se garanta un proceso xusto, transparente e seguro para todos os aspirantes".




Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page