O PSOE de Lalín esixe a paralización do proceso de selección para a Policía Local ante "irregularidades"
- ecosdacomarca
- 15 jun
- 1 Min. de lectura
Ecos da Comarca/Lalín
O grupo municipal socialista de Lalín esixe ao goberno local "a paralización inmediata do proceso selectivo para as tres prazas de Policía Local convocadas, tras coñecerse que, segundo denuncian varios aspirantes, en 32 das 110 preguntas tipo test a resposta correcta aparecía destacada en negrita ou con tamaño de letra superior, e que existían preguntas duplicadas, erros nos enunciados e referencias normativas incorrectas".

A voceira do PSdeG-PSOE de Lalín, Alba Forno, sinalou que o mesmo día da proba varios aspirantes lle contactaron para transmitirlle "a súa incredulidade ante as irregularidades e
solicitar medidas, que empezamos a valorar de inmediato” ante uns feitos “dunha enorme
gravidade”. Forno explicou que “o proceso está viciado de orixe e non pode continuar mentres non se investigue a fondo, se aclare o que pasou, se depuren responsabilidades e
se repita a proba con todas as garantías legais”.
“Estamos ante un proceso no que pode haber irregularidades que compromete a igualdade de oportunidades e a legalidade do acceso ao emprego público. Non é admisible que se xogue así co futuro profesional de centos de persoas. A oposición foi unha chapuza e así o recoñecen os propios aspirantes”, subliñou Forno.
Publicidade
Desde o PSOE de Lalín anticipan que, se os feitos se confirman, o exame terá que ser repetido desde cero “e se non o fai o Concello farao un xuíz no caso dunha denuncia”. Ademais, Forno reclama a revisión inmediata do papel do tribunal cualificador e advirte
que, se as responsabilidades alcanzan ao actual tribunal, este deberá ser substituído.
Comments