top of page
Foto del escritorecosdacomarca

O PSOE de Lalín esíxelle ao Concello a renovación do convenio de colaboración con Roteiros de Lalín

Ademais, demandará a través dunha moción que neste ano 2023 se incremente a súa contía económica con respecto aos anos 2021 e 2022


Ecos da Comarca/Lalín

O PSOE de Lalín levará ao vindeiro Pleno unha moción a través da cal solicítalle ao Concello a renovación do convenio de colaboración co Club Roteiros de Lalín neste ano 2023 e o incremento da súa contía económica con respecto aos anos 2021 e 2022.


Os socialistas lembran que Roteiros de Lalín naceu no ano 2015 baixo o impulso do Concello de Lalín, que realizou unha convocatoria aberta á cidadanía da que xurdiu un grupo de varios voluntarios e voluntarias dispostas a traballar para potenciar os lugares de

interese a través da actividade ao aire libre e o sendeirismo. Esta rede de voluntarios/as pronto se consolidou, tomando a iniciativa de integrar a conservación do medio ambiente e da preservación do noso patrimonio cultural e histórico mediante experiencias en grupo.

"O proxecto converteuse rapidamente nunha das mellores accións de colaboración

entre o asociacionismo e o Concello a prol dos valores e recursos naturais e patrimoniais de Lalín, pois a paisaxe é un dos activos máis importantes do noso municipio e da comarca de Deza. Percorrer os camiños tradicionais é o mellor xeito de disfrutar da beleza paisaxística da que dispoñemos e tamén é unha canle para dar a coñecer o noso rico patrimonio monumental, arqueolóxico, etnográfico e natural. Isto evidénciase no enorme interese que suscitou esta iniciativa desde o seu comezo, con milleiros de participantes nas diferentes andainas organizadas e milleiros de visitantes chegados desde fóra de Lalín para desfrutar da nosa riqueza natural e patrimonial", resalta o grupo socialista.


A gran dimensión alcanzada por Roteiros de Lalín, sinala, ao longo dos últimos 8 anos, "grazas ao traballo do seu voluntariado, plásmase nas 26 rutas sinalizadas, con máis de

450 quilómentros a través dos que lalinenses e visitantes poden descubrir o noso municipio. Nestes anos a colaboración entre o Concello e Roteiros de Lalín permitiu tamén a creación de material divulgativo, que é empregado nas actividades de promoción turística municipal ou se atopa en grande cantidade na Oficina Municipal de Turismo, poñendo de manifesto a relevancia do proxecto para a dinamización turística de Lalín".


Publicidade

Para dar soporte ás actividades do colectivo, o Concello de Lalín asinou en 2021 e 2022 un convenio de colaboración con Roteiros de Lalín, que lle permitiu á agrupación afrontar os gastos derivados da súa actividade, tales como sinalización de rutas, desprazamentos, pólizas de seguro, taxas administrativas e outros gastos de funcionamento. A suma recibida por Roteiros foi en 2021 de 5.000 euros e en 2022 de 6.000.


"Neste 2023 o Concello de Lalín decidiu suprimir o mencionado convenio de colaboración, sen máis explicación por parte da concelleira de Turismo, Begoña Blanco, que a de “non hai cartos”. A negación desta subvención nominativa compromete a continuidade de Roteiros de Lalín e supón un grave dano para o colectivo pois, entre outras cuestións, non se poderá recuperar o diñeiro de pagos de facturas que irían con cargo ao convenio de 2023. Tampouco se poderá dar continuidade a algunhas das actividades que se viñan realizando e o proxecto de mantemento dunha rede de sendeiros por todo o municipio quedará en suspenso, dado que o Concello non dá resposta económica para cuestións como a sinalización e acondicionamento de diferentes rutas", lamenta o PSOE.


E recalca que o labor de Roteiros de Lalín "para potenciar o noso patrimonio cultural e natural é recoñecido e valorado por todos e todas, non só a nivel local, senón no ámbito

galego. O traballo altruísta do colectivo non está a recibir un trato xusto por parte do goberno local e, nomeadamente, por parte da concelleira de Turismo, Begoña Blanco,

que mentres presume de que os visitantes demandan rutas négalle apoio económico a

unha asociación que leva 8 anos contribuindo desinteresadamente a que Lalín se

convertese nun referente en Galicia neste eido", reprochan.


E por todos estes motivos presentan esta moción.



0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page