O PSOE de Lalín denuncia que, un ano despois da súa apertura, o CIS non solucionou as carencias
- ecosdacomarca

- 16 oct 2025
- 2 min de lectura
“Temos unhas instalacións novas, pero seguimos cun sistema sanitario saturado, sen persoal suficiente e con servizos que non cobren as necesidades reais da veciñanza”, di
Ecos da Comarca/Lalín
A voceira socialista de Lalín, Alba Forno, acompañada do concelleiro Mario López, realizou onte unha visita ao Centro Integral de Saúde (CIS) de Lalín para facer balance do primeiro ano de funcionamento dunhas instalacións que, segundo subliñou, “non serviron para resolver os graves problemas estruturais que arrastra a sanidade pública no noso municipio”.

Forno lembrou que o CIS “chegou tarde e mal”, logo de anos de promesas incumpridas, para substituír un centro de saúde “que estaba literalmente caendo”, pero advertiu que ter
un edificio novo non é garantía dunha sanidade digna. “Temos unhas instalacións aparentemente modernas, pero seguimos cun sistema sanitario saturado, sen persoal suficiente e con servizos que non cobren as necesidades reais da veciñanza”, afirmou.
Falla de persoal
A voceira socialista destacou que as principais carencias seguen estando na falta de profesionais, con escaseza de médicos de familia, ausencia de pediatras e agardas de ata
dúas semanas para unha cita ordinaria co médico de cabeceira. En pediatría, denunciou, “a situación é de colapso total”, mentres que en psicoloxía e saúde mental as esperas chegan aos catro meses para poder ser atendido por psiquiatría. “Falamos de áreas fundamentais para o benestar das familias e da mocidade, que están completamente desbordadas”, explicou Forno.
Sen avances en tecnoloxía nin diagnóstico
A voceira do PSdeG lamentou tamén que “as promesas de dotar o CIS con novas tecnoloxías diagnósticas que evitarían desprazamentos ao hospital de Santiago quedaron
en papel mollado”. “Non hai resonancia, nin TAC, nin especialidades, nin servizos complementarios que permitan facer probas básicas sen ter que saír de Lalín”, afirmou,
lembrando que “a Xunta puido empregar fondos do programa estatal INVEAT para mercar
este tipo de equipos, pero preferiu mirar para outro lado”. “O resultado é que os desprazamentos ao hospital de Santiago seguen a ser o pan de cada día para centos de veciños e veciñas, especialmente maiores”, engadiu.
Publicidade
Problemas de acceso e deficiencias estruturais
Forno e López sinalaron tamén as deficiencias estruturais no edificio, con humidades, goteiras e problemas de aparcamento, “cun estacionamento de urxencias colapsado
mentres o Concello non ofrece solución algunha”. Lembrou a dificultade de usuarios para
chegar andando ao centro pola súa localización periférica”, e reprocharon que “o Concello non puxese en marcha ningún sistema de transporte público que conecte o núcleo urbano
co CIS, como propuxo en varias ocasións o grupo socialista”.
Crítica ao uso partidista das redes municipais
Alba Forno lamentou que “o Concello utilice as redes sociais públicas para facer propaganda da Xunta sobre o CIS, en lugar de escoitar aos usuarios, que son un clamor sinalando as deficiencias do centro de saúde”. “É hora de deixar o autobombo e poñerse a
traballar para ofrecer unha atención sanitaria digna e de calidade aos veciños e veciñas de
Lalín”, concluíu.








Comentarios