Considera que as políticas activas de natalidade e conciliación deben ser unha absoluta prioridade para un concello coma este ante a ameaza da perda de poboación
Ecos da Comarca/Lalín
O PSOE de Lalín levará ao vindeiro pleno unha moción a través da cal piden que se amplíen as prazas ofertadas nas escolas infantís dependentes do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar neste municipio para cubrir a demanda existente e que se cree unha escola infantil de titularidade municipal.
Os socialistas lembran que as escolas infantís son un dos primeiros espazos de socialización fóra do ámbito familiar dos cativos e cativas, que desenvolven o seu labor no primeiro ciclo de vida desde os 0 aos 3 anos. Son, ademais, un eixo fundamental para a ansiada “conciliación” que permite a compaxinar a vida laboral dos proxenitores coa vida familiar. Do mesmo xeito, as políticas en materia de conciliación axudan a fomentar a natalidade e a asentar poboación.
"Segundo o Artigo 3 da Lei 13/2008 do 3 de decembro de Servizos Sociais de Galicia, un dos obxectivos do Sistema Galego de servizos sociais é proporcionar oportunidades e recursos que garantan a igualdade entre homes e mulleres e posibiliten a conciliación entre a vida persoal, familiar e laboral. Do mesmo xeito, segundo o Artigo 49.1 da Lei 5/2021 do 2 de febreiro de impulso demográfico de Galicia, a Administración autonómica garantirá a calidade e o carácter inclusivo dos recursos de educación infantil de 0 a 3 aos e avanzará na súa universalización e gratuidade, promovendo unha dotación suficiente de prazas e recursos para facer efectivo o acceso a toda a poboación a esta etapa educativa.
Nos últimos anos vemos como as prazas ofertadas nas escolas infantís públicas do noso concello se antollan escasas á vista das familias que quedan sen praza en lista de agarda nas escolas da rede Galiña Azul dependentes do Consorcio galego de Servizos de Igualdade e Benestar existentes no Concello de Lalín: a do Polígono 2000 e a do Pontiñas", sinala o PSOE.
No ano 2022, indica, "a Xunta de Galicia fixo gratuíta a atención educativa para tódolos nenos e nenas nas escolas infantís da Comunicade, unha medida que na práctica non é suficiente dado que as familias non logran obter praza en ningunha escola infantil pública nin privada, como acontece en Lalín. Sen ir máis lonxe, cara ao curso 2024-2025, quedaron en lista de agarda ducias de nenos e nenas a pesar da convocatoria extraordinaria de setembro. Esta dificultade en canto a conciliación vese acrecentada pola problemática actual que está a atravesar o único centro que conta con escola infantil de titularidade privada en Lalín".
Publicidade
Desde o Partido Socialista de Lalín cren que estes son motivos suficientes para que a Corporación Municipal traslade en conxunto á Xunta de Galicia a necesidade de aumentar as prazas nas escolas infantís da súa titularidade, "co fin de que a educación dos nosos nenos e nenas sexa universal". "Do mesmo xeito, consideramos que as políticas activas de natalidade e conciliación deben ser unha absoluta prioridade para un concello coma o noso ante a ameaza da perda de poboación e a consecuente perda de recursos. Por iso, co fin de cubrir a demanda existente de prazas nas escolas infantís públicas e ofrecer
alternativas de conciliación suficientes, tanto para os nosos veciños e veciñas, como para atraer familias doutras zonas, consideramos moi positiva a creación dunha escola infantil pública de titularidade municipal, como teñen outros concellos da contorna".
Considera que este proxecto "convertería o noso concello nunha referencia en materia de conciliación e axudaría tamén á creación de emprego de calidade, mediante a selección de persoal para dita escola infantil por parte do Concello".
En vista dos datos postos de manifesto o Grupo Municipal Socialista propón ao Pleno do
Concello a adopción do seguinte acordo:
1. Solicitarlle á Xunta de Galicia a ampliación de prazas ofertadas nas escolas infantís dependentes do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar do noso municipio para cubrir a demanda existente.
2. Instar ao goberno local á creación dunha Escola Infantil de titularidade municipal.
Comentarios