“O Goberno só pensa en gastar millóns de euros nunha nova praza cando ten a estes sen atender boa parte do ano”, reivindica Forno
Ecos da Comarca/Lalín
O PSdeG-PSOE de Lalín solicítalle ao Goberno de Crespo que mellore as condicións de varios parques infantís do municipio, tanto do casco urbano coma das parroquias, que se atopan en mal estado e, en moitos casos, sen elementos básicos (como podería ser un tobogán ou un espazo de escalada), ademais da falta de limpeza das zonas nas que se atopan.
"O coidado destas áreas debería ser unha prioridade para este Goberno “e non crear parques infantís e prazas para logo telas abandonadas”, indica a concelleira e candidata á Alcaldía, Alba Forno. O parque situado xunto ao Paseo do Pontiñas (entre as rúas Regueiriño e Escaldes-Engordany) está falto de xogos básicos, que retiraron, “intuímos que para reparalo ou poñer outro en mellores condicións, pero nunca se volveu a colocar”. Así mesmo, no situado na rúa Arenal (formando parte, tamén, do Paseo Pontiñas, "ademais de presentar un mal estado da zona, coa herba sen cortar e sen acondicionar a parte infantil, non ten dotación de material para xogar".

Outro parque que desatenderon segundo o PSOE foi o situado na contorna de Lalín de Arriba, na que se atopa un dos balancíns está “cuberto cun plástico, que ademais de dar mala imaxe pode ser un perigo para os/as rapaces/as”. A concelleira considera que esta zona, que foi humanizada polo anterior Goberno, “debería contar cun parque en condicións e estar dotado de máis xogos infantís, tendo en conta que se encontra próximo ao CEIP Xesús Golmar”.
Xa no ámbito rural, o parque situado na parroquia de Vilatuxe conta con material antigo, “que xa non se pon en ningún parque da zona” e que tampouco é seguro para a cativada. “Deberían facer unha mellora neste sentido e dotar de máis parques infantís ás parroquias para mellorar as condicións no rural, pero co obxectivo de telos en bo estado e non abandonalos”, apunta Forno.
A candidata á Alcaldía expón que durante boa parte do ano, estas áreas "atópanse descoidadas e co material infantil en mal estado". “Mentres Crespo pensa en investir millóns de euros en crear grandes prazas e máis áreas infantís, nós consideramos que unha prioridade debería ser un bo mantemento dos parques que xa temos, dotalos de material para todas as idades e adaptado e telos en bo estado”, explica.
Comments