O PSOE de Lalín celebra que o alcalde acuda a unha administración socialista para avanzar no polígono
- ecosdacomarca

- 18 jun 2025
- 2 Min. de lectura
Ecos da Comarca/Lalín
O PSdeG-PSOE de Lalín celebra que o goberno municipal acuda á Zona Franca de Vigo un organismo dependente do Goberno de España— para tratar de impulsar a quinta fase do polígono industrial Lalín 2000, un proxecto moi importante para o desenvolvemento económico e o avance do tecido empresarial da comarca, que os socialistas de Lalín apoian coa man tendida ao goberno local.

"Con todo, resulta, canto menos, curioso, que o alcalde Crespo recorra á colaboración dunha administración pertencente a un Goberno ao que non dubida en criticar, insultar e menosprezar de forma constante: pleno tras pleno, nos medios de comunicación e en calquera escenario público. Resulta curioso que Crespo se presente a pedirlle colaboración a unha administración á que Crespo acusa de “marxista-leninista” de “ser o peor que lle pasou a España” ou de estar “contra Lalín”", sinalan os socialistas.
Publicidade
Pregúntanlle ao alcalde se na reunión lle dixo a David Regades, quen ademais de delegado de Zona Franca de Vigo é secretario xeral provincial dos socialistas de Pontevedra, se estaba liderando unha organización “que non é un partido, senón unha franquicia de poder”, ou se é o secretario xeral provincial dunha “secta que só busca manter a Sánchez na poltrona”, menosprezos, todos eles, que en cada Pleno lle dedica aos concelleiros da bancada socialista.
Doutra banda, o PSdeG celebra que o goberno local recoñeza, "polo menos nos feitos, que é importante contar coa implicación das institucións socialistas para que Lalín avance, a pesar do clima de confrontación que Crespo sementa a nivel local". Lembran tamén que Crespo "recorreo ao Goberno de España para desenvolver a quinta fase, mentres a cuarta fase segue sen desenvolverse por parte da Xunta, con promesas incumpridas desde hai dúas décadas".
Publicidade
Os socialistas sinalan que, "a pesar das faltas de respecto de Crespo ao Goberno e ao PSOE, a colaboración entre o Concello e a Zona Franca para redactar un estudo de viabilidade é unha boa noticia para Lalín, ao tempo que desde o PSdeG instan ao alcalde a deixar de lado os ataques partidistas e a traballar con lealdade institucional por proxectos clave para o futuro da vila".








Comentarios