O PSOE de Lalín celebra os avances na recuperación dos Sobreirais do Arnego
- ecosdacomarca

- 27 may 2025
- 3 Min. de lectura
Mario López lamenta que finalice outra tempada sen marcador no Cortizo
Ecos da Comarca/Lalín
O PSdeG-PSOE de Lalín amosa a súa satisfacción polo avance nas actuacións encamiñadas á protección e recuperación dos Sobreirais do Arnego fronte ás plantacións ilegais de eucalipto que afectan a esta zona natural de especial protección. "Tras varios meses denunciando publicamente esta situación, mesmo a través de iniciativas no pleno municipal, o noso grupo valora positivamente que a Xunta comece a actuar e a notificar aos titulares das parcelas afectadas a obriga de retirar os exemplares plantados sen autorización".
Os feitos, sinala, "son especialmente graves por tratarse dunha área incluída na Rede Natura, na que se está a vulnerar a normativa ambiental con plantacións dunha especie pirófita e allea ao bosque autóctono. Pero resulta aínda máis escandaloso que estas repoboacións ilegais se realizasen, nalgúns casos, en parcelas que non pertencen aos responsables das mesmas. É dicir, que se estean utilizando fincas de terceiros sen o seu consentimento para levar a cabo estas prácticas prohibidas".

Desde o PSOE de Lalín reclaman que se depuren responsabilidades e que a administración autonómica actúe con rigor e dilixencia para protexer o noso patrimonio natural. "Os montes de Lalín deben ser fonte de riqueza, emprego e sustentabilidade, non un espazo para a especulación forestal nin para a destrución encuberta do bosque autóctono".
Este grupo reafirma o compromiso coa defensa da paisaxe, da biodiversidade e da legalidade nos espazos naturais. "Seguiremos vixiantes e esixindo medidas concretas para garantir unha xestión forestal responsable, ordenada e sustentable, que respecte os valores ambientais e os dereitos das persoas propietarias afectadas".
Por outra banda, o concelleiro socialista de Lalín Mario López lamentou onte que o deporte lalinense chegue ao final doutra tempada sen contar cun simple marcador no
Anxo Cortizo. O edil do PSdeG-PSOE sinalou que o sucedido este domingo na fase de
ascenso do Club Deportivo Lalín a terceira división “volveu rozar o esperpéntico” cun estadio cheo de xente local e visitante, que tiña que preguntar a hora ou o resultado do
partido. “É a constatación da incapacidade do goberno de Crespo e do concelleiro de
Deporte, Avelino Souto, que tras seis anos no goberno non foi quen de instalar un simple
marcador que xa teñen todos os campos de fútbol”.
Publicidade
López lembrou que o grupo socialista leva reclamando este marcador durante os últimos anos “e a realidade é que finaliza outra tempada sen el”. “Sabemos que agora está
adxudicado e que, despois de moitos fracasos, se vai instalar, pero chega con moitísimo
retraso e non está nun momento histórico no que o CD Lalín loita por volver a terceira, o
que é inxustificable nun concello como Lalín”, denunciou.
Ademais, o concelleiro socialista revelou que, paralelamente, outro contrato que incluía a dotación dun marcador para o campo de fútbol anexo ao Cortizo, así como material
deportivo para o pavillón municipal, quedou deserto recentemente, o que confirma “a
mala planificación e a nefasta xestión que o PP está a realizar en materia deportiva”. “O goberno local é incapaz de sacar adiante contratos básicos, fundamentais para o
funcionamento diario do deporte en Lalín. E o máis grave é que isto non é unha excepción, senón unha constante”, afirmou.
López tamén lembrou que o PP prometeu en 2019 “un estadio de primeira división, con gradas novas, dous campos cubertos de fútbol 7 e un campo de fútbol novo”, pero seis
anos despois a única realidade é un estadio sen marcador, sen novas instalacións e cunhas promesas que quedaron nunha infografía”.
O PSOE de Lalín insta ao goberno local a que execute canto antes a instalación do marcador e que dote ás demais instalacións dos medios comprometidos e necesarios. “Os
clubs de Lalín están á altura. Agora tócalle ao goberno municipal facer o mesmo”,
concluíu.







Comentarios