top of page

O PSOE de Lalín califica o acto para os profesionais do sector lácteo de "electorista e vergoñento"

Foto del escritor: ecosdacomarcaecosdacomarca

Pregúntase "se tamén lle pagarán cocidos aos comerciantes, sanitarios ou outros sectores que tamén teñen relevancia"


Ecos da Comarca/Lalín

Recentemente, sinalan os socialistas de Lalín, notificouse aos gandeiros do sector lácteo que se celebrará un acto de recoñecemento nun restaurante lalinense o vindeiro 28 de xaneiro. Na notificación, recibida a domicilio, indícase que se fará unha entrega de premios por parte do Concello para “recoñecer o enorme esforzo que están a facer”. Dende o PSdeG-PSOE de Lalín pregúntanse, primeiramente, a quen se lle dará ese recoñecemento: “Será para todas as persoas que asistan ou quen nomea aos elixidos?”, cuestionan os socialistas.

Ademais, indícase que quedarán convidados a degustar un cocido no propio restaurante, dando a entender que é gratis, polo que “é pagado cos cartos de toda a veciñanza. É vergoñento que utilice o diñeiro de todos/as para pagar papatorias electoralistas”, reivindican e engaden “que para recoñecer o traballo que se fai dende este sector xa está Feiradeza, por que non o fixo antes e agardou a que se achegasen as eleccións?”. Os socialistas recoñecen a relevancia que ten o sector lácteo no municipio lalinense, mais tamén teñen importancia o porcino ou o de vacún de carne, entre outros, “que vai facer un acto para cada sector agrogandeiro?”, pregúntanlle ao alcalde, José Crespo.


Dende a bancada socialista consideran "que é unha mofa para o resto do sector agrogandeiro e tamén para o resto dos sectores que forman parte da vila". “Nós

preguntámonos se nestes meses veremos cocidos co sector comercio, sanitario, educativo, hostaleiro... Son moitos os que dinamizan a vila e todos eles merecen un

recoñecemento, pero non a vistas das eleccións e pagado con cartos públicos”, indican.

Preme na imaxe se queres contactar connosco!

Ante esta situación, o PSOE esíxelle explicacións ao goberno de como foi xestado este evento, quen levará os recoñecementos, como se pagará o cocido e, tamén, se este acto ten por obxectivo ter continuidade no futuro, como se xestionará; por todo isto, xa foi solicitado o acceso a todos os informes relativos a este encontro. “É evidente o carácter de campaña electoral que presenta este evento, isto non se pode permitir. Volvemos aos caciquismos de Crespo”, destacan e lembran que o goberno do PP "só se dedica a despilfarrar os cartos da veciñanza en actos “sensentido” coma o Cocido de Miami, “intentando xustificar que traería repercusión para os/as lalinenses, pero a día de hoxe non sabemos onde está. Este evento para o sector lácteo é outro despilfarro, camuflado como acto do concello, pero en realidade é unha papatoria do PP para buscar o recoñecemento deste sector”.


0 comentarios

留言


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page