O PSOE de Lalín aposta "por transformar a vila nun referente en mobilidade sostible fronte a parálise do PP"
“O modelo que queremos os socialistas é o dun novo Lalín, pensado para as persoas, con máis espazo público, máis mobilidade sostible e mellores servizos”, salienta
Ecos da Comarca/Lalín
O PSdeG-PSOE de Lalín reivindica, con motivo da Semana Europea da Mobilidade, a necesidade de dar pasos decididos para transformar a vila nun referente a nivel galego en mobilidade sostible e humanización urbana, fronte a un goberno do Partido Popular “paralizado e sen proxecto, que leva seis anos perdidos”. A secretaria xeral do PSOE de Lalín, Alba Forno, defendeu que “o modelo que queremos os socialistas é o dun novo Lalín, pensado para as persoas, con máis espazo público, máis mobilidade sostible e mellores servizos”.

Forno lembrou as propostas socialistas que, en moitos casos o Grupo Municipal xa levou
ao pleno e foron rexeitadas polo PP. A aposta pola humanización de rúas do centro con
plataforma única e prioridade peonil como a Rosalía de Castro ou Pintor Laxeiro. A
mellora e humanización da rúa B e Ramón Aller con máis espazo público e a posibilidade
de implantar carril bici.
“Defendemos tamén a peonalización real do centro urbano, a creación de camiños escolares seguros, a mellora da Rolda Leste, con accesos ao CIS e espazos para o
estacionamento de camións, a posta en marcha de novas fórmulas de transporte como o
taxi a demanda no rural ou o servizo de transporte colectivo para comunicar puntos como
o centro de saúde, as zonas deportivas, o polígono, etc. Ademais, propón a instalación de
puntos de recarga para coches eléctricos no Lalín Arena, no campo da feira e no parking
Europa e subliña a necesidade de implantar a tecnoloxía na zona azul e aplicar medidas de cidade intelixente para regular os estacionamentos. “O modelo que queremos os socialistas é o dun novo Lalín, pensado para as persoas, con máis espazo público, máis mobilidade sostible e mellores servizos", recalca.
PUBLICIDADE
A responsable socialista salientou que moitas destas medidas estaban incluídas no Plan de
Mobilidade Urbana Sostible impulsado polo anterior goberno progresista e lembrou actuacións con selo socialista que deixaron pegada, como a humanización da avenida Xosé Cuíña ou o cinto verde de Lalín. “Ese é o modelo que queremos para Lalín: avanzar cara unha vila moderna, verde e sostible. Pola contra, o PP de Crespo só se dedicou a poñer freos, revertendo avances como a peonalización do centro e perdendo oportunidades históricas como os fondos europeos de recuperación, que poderían financiar humanizacións e novas infraestruturas de mobilidade”, denunciou Forno.
PUBLICIDADE
A secretaria xeral lamentou que o actual goberno municipal “que ten a honra de ter un concelleiro e tráfico que critica abertamente o transporte público, nin sequera aproveite a
Semana Europea da Mobilidade para impulsar actividades de concienciación ou promoción da bicicleta, como si fan moitas outras cidades e vilas galegas”. “O Partido Popular demostrou nestes seis anos que non ten modelo de vila. Lalín precisa recuperar o tempo perdido e apostar con decisión pola mobilidade sostible, porque iso é apostar pola calidade de vida da veciñanza e pola modernidade que merece o noso concello”, concluíu Forno.









Comentarios