O PSOE de Lalín advirte que José Cuñarro "incorre nun posible conflito de intereses"
- ecosdacomarca
- 8 ago 2024
- 1 Min. de lectura
"Ao subcontratar a súa empresa privada cunha empresa de obras e servizos do Concello", explica
Ecos da Comarca/Lalín

Os socialistas de Lalín advertiron este mércores de que o concelleiro de Obras e Servizos, José Cuñarro, "pode estar a incorrer nun suposto conflito de intereses cando se comprobou que está a realizar traballos coa súa empresa privada para empresas adxudicatarias de servizos municipais". O PSOE local sinala que a Lei de Réxime Electoral Xeral "di con claridade que un concelleiro non pode ser contratista ou subcontratista de contratos financiados por parte do Concello no que ostenta as súas responsabilidades públicas como edil".
Explican que, neste caso, "a empresa de subministros industriais do concelleiro José Cuñarro estaría sendo subcontratada por unha empresa adxudicataria dunha importante concesión municipal para a dotación de materiais cuestión que pode supoñer unha irregularidade administrativa grave, ao tempo que demostra unha falta intolerable de ética por parte do concelleiro do PP”.
Publicidade
Os socialistas denuncian que "a situación adquire un cariz especialmente fraudulento por ser Cuñarro o concelleiro que ostenta as competencias municipais de Obras e Servizos". “É, polo tanto, o responsable político de supervisar e velar por que a empresa concesionaria da da que falamos ofreza ao cidadán de maneira correcta os servizos públicos que se lle foron contratados, de modo que tal vinculación é incompatible con que a súa empresa privada traballe subcontratada nesta concesión”.
Ademais, sinalan que "a relación entre as responsabilidades municipais de Cuñarro e esta empresa de servizos do Concello é manifesta, pois sen ir máis lonxe mantivo reunións coa entidade que foron públicas".
Publicidade
Desde o PSOE reclaman que o concelleiro “ten que dar explicacións de maneira urxente, porque cobra un soldo do Concello de case 46.000 euros anuais e, ao mesmo tempo, ten como clientes da súa empresa a concesionarias de servizos municipais que ten que controlar”. “Por moito menos Crespo cando estaba na oposición foi ao cuartel da Garda Civil a denunciar a concelleiros e ao propio alcalde”, lembran. Por último, os socialistas indican que están a valorar diferentes accións, entre elas a de solicitar a comparecencia plenaria de Cuñarro.
コメント