top of page

O PSOE de Lalín acusa ao PP "de xerar polémica artificial" sobre a cesión do centro de saúde

Alba Forno considera “perverso” que Crespo “teña que falar de Cataluña para defenderse sobre un tema no que demostra que só lle interesa montar barullo”


Ecos da Comarca/Lalín

Os socialistas de Lalín acusaron onte ao alcalde do municipio, José Crespo, "de estar máis centrado en xerar barullo e polémica artificial sobre a cesión do vello ambulatorio, ca en traballar desde o rigor e a seriedade mínima que esixe a cidadanía nesta cuestión". Para a voceira municipal, Alba Forno, que o alcalde “teña que botar man do argumento falaz de Cataluña para defender a súa postura neste tema é perverso e impropio de quen leva 40 anos en política”. “O alcalde queda completamente retratado cando emprega este argumento. Discutir con el semella unha película dos irmáns Marx, non se sabe se finxe ignorancia ou a ten”, subliña.

Forno nunha visita ao vello centro de saúde en meses pasados.

Forno explícalle ao alcalde que “se quere falar de Cataluña non ten máis ca informarse un pouco e comprobar que nos últimos meses a Seguridade Social realizou 21 cesións de uso de bens nesa comunidade, todos eles nas mesmas condicións e baixo a mesma normativa que se aplica a toda España, como non pode ser doutro xeito”. Recórdalle que foi o goberno de Pedro Sánchez o que modificou a normativa que rexe as transmisións patrimoniais da Seguridade Social, abrindo as portas á cesións de uso totalmente gratuítas, pero sen cambio de titularidade e implicando que quen recibe o ben debe acondicionalo e mantelo.


Publicidade

Preme na imaxe para obter máis información.

“O que fixo este goberno foi, precisamente, facilitar e reducir os prazos de tramitación das cesións de uso mediante adscripción, en comparación coa normativa da época de Rajoy, cando a Seguridade Social tampouco regalaba o seu patrimonio”, explica Forno. A socialista considera moi preocupante que o rexedor demostre coas súas palabras “non ter

entendido nada” e lémbralle que as normas de Tesourería Xeral da Seguridade Social con respecto ao seu patrimonio “son iguais para todos, outra cousa son os intereses políticos e as ganas de lea que teña Crespo”.


Publicidade

Preme na imaxe se queres contactar connosco.

Así, lembra que Lalín pode recibir de maneira totalmente gratuíta mediante adscripción o vello ambulatorio e usalo de modo indefinido para fins sociais ou calquera outro fin público, malia que a Seguridade Social continúe sendo a titular do inmoble. “Todo o demais é xerar bronca e ruído absolutamente baleiro que non serve para nada máis que para confundir interesadamente á opinión pública”.


Forno explica que “se se fan ben as cousas e se seguen todos os procedementos o centro de saúde vello pode ser usado polos lalinenses, que é o que nos interesa a todos, pero o alcalde parece ter máis interese en empregar este tema para atacar obsesivamente ao goberno de Pedro Sánchez”. Finalmente, recorda que lle corresponde á Xunta arranxar o edificio “pois foi quen o xestionou e quen o deixou practicamente en ruínas por falta de mantemento co silencio cómplice do PP de Lalín”.

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page