A bancada socialista cuestiona a homenaxe a Antonio Rodríguez, "por poñer a disposición dun acto do PP a traballadores do Concello e aos concelleiros"
Ecos da Comarca/Lalín
Hai uns días que o PSdeG-PSOE de Lalín cuestionou o acto que organiza o goberno de
José Crespo para os profesionais do sector lácteo e non suficiente con isto volve a “sorprendernos con unha nova papatoria”, ironiza o voceiro socialista, Román Santalla.
Recentemente anunciaron que farán unha homenaxe ao asesor do Partido Popular, Antonio Rodríguez, pola súa longa traxectoria na política. “Unha homenaxe que non cuestionamos, pero non pode camuflalo e empregar medios da administración municipal para elo”, indica.

Nos diferentes anuncios que se realizaron para convidar á cidadanía, indícase que as entradas para este acto do PP se poden retirar, entre outros sitios, na sede do PP, no
propio Concello ou mesmo a través dos concelleiros do grupo de goberno. “Mesturan as funcións públicas coas funcións de partido. Poñen a disposición de quen queira aos
funcionarios e aos concelleiros, con soldos pagados por todos/as, para vender entradas que son para un acto do PP. Estamos fartos de ver eventos electorais e de partido camuflados como actos do Concello”, reivindica Santalla.
Dende a bancada socialista pregúntanlle a Crespo se realmente é un acto institucional ou do PP, como realmente semella, e sendo así, cuestionan como emprega a funcionarios e aos propios concelleiros, “que non chegan a cumprir coas súas funcións”, a disposición da veciñanza para vender as entradas dunha homenaxe a un asesor do Partido Popular.
Os socialistas indican que como non teñen un proxecto de cara as eleccións “dedícanse a facer papatoria tras papatoria, pero non podemos permitir que empreguen o Concello e os empregados públicos para camuflar actos de actos como eventos institucionais. Está claro que volven os vellos tempos de Crespo campaña a base de comilonas, pero os socialistas non podemos permitir que mesture as súas funcións públicas coas de partido”, denuncia o voceiro socialista.
Kommentare