Ademais, deseñará un plan de asfaltado municipal para evitar “que as pistas cheguen a estados deplorables como acontece nestes momentos”
Ecos da Comarca/Lalín
O medio rural é un dos eixos fundamentais para o PSOE de Lalín e por iso, a partir do 28
de maio, “poñerémonos a traballar para potencialo e coidalo, xa que este Goberno tívoo
totalmente abandonado ata hai uns meses, cando se achegaba a data das eleccións”,
explica Norma Fernández, membro da candidatura de Alba Forno.

Unha das medidas é poñer en marcha a contratación dun servizo integral regrado de
mantemento de desbroces, cunetas e bacheo. “A creación deste servizo permanente será
unha solución a gran parte das demandas básicas que se realizan dende as parroquias e
permitirá alongar a vida das infraestruturas”, expón Fernández. Dende o grupo socialista
consideran que este é un xeito de manter as aldeas en bo estado, “e non coma na
actualidade” e tamén de potenciar o acceso ao rural “para facelo máis atractivo de cara ao
turismo. O noso rural ten encanto e hai que dinamizalo para atraer o turismo ao rural e
evitar o despoboamento, que actualmente é un problema moi grave que afecta a toda a
Comunidade”.
Por outra banda, Fernández lembra que o Partido Popular prometeu o saneamento
integral do rural, “pero a realidade é que non chegou a facer nin o 50 % e a maioría foi
adxudicado recentemente, coma a maioría das obras, chegando a algúns lugares das
parroquias”. Ante isto, o PSOE de Lalín comprométese a facer un Plan Integral de
Saneamento e un Programa de Mellora Integral de Abastecementos, que chegarán a
todos os núcleos rurais. “Farémolo dende que cheguemos á Alcaldía co obxectivo de non
discriminar ningunha aldea e que dunha vez toda a nosa veciñanza do rural poida contar
con estes servizos”.
Outra das medidas será o deseño dun plan de asfaltados municipais. “Actualmente temos
moitas pistas que están en estado deplorable e consideramos que isto non se pode
permitir. Por iso, definiremos no último trismestre do ano as prioridades de reasfaltados de
pistas locais para garantir a súa execución na primavera-verán seguinte”, aclara a
membro da candidatura.

Estas medidas compleméntanse, entre outras, coa xa anunciada con anterioridade de
recuperar a democracia no rural, que é fundamental para a transparencia nas aldeas e
"para deixar os amiguismos". “Queremos un rural transparente, que avance cos tempos e
que lle brinde oportunidades á veciñanza e sexa un atractivo para evitar o
despoboamento”, conclúe Fernández.

Comments