O PSOE chama a respaldar o comercio e a revitalizar Lalín coa campaña 'Ven a Lalín no Nadal'
- ecosdacomarca
- 17 dic 2023
- 3 Min. de lectura
A proposta xira sobre catro eixos: o comercio, a hostalaría, a cultura e o lecer
Ecos da Comarca/Lalín
O PSdeG-PSOE de Lalín presentou este sábado a súa campaña de Nadal coa que pretende respaldar e fortalecer o tecido comercial local e revitalizar a vila nestas festas. Baixo o lema Ven a Lalín no Nadal a secretaria xeral, Alba Forno, explicou que a iniciativa busca mobilizar aos lalinenses, pero tamén á veciñanza de concellos próximos, “para que merquen nos establecementos da nosa localidade e a veñan desfrutar de todo o que Lalín pode ofrecer tamén en materia cultural e de lecer”.

A campaña dos socialistas terá difusión en medios de comunicación e redes sociais e está aberta á que calquera cidadán poida sumarse. “Pretendemos, non só potenciar o crecemento económico do municipio, senón tamén concienciar sobre a relevancia de mercar no comercio local e sobre consumir produtos de proximidade, ao tempo que difundimos os atractivos e recursos do noso concello”, explica Alba Forno. Para iso, a campaña xira sobre catro eixos coas súas mensaxes e propostas concretas: O comercio, a hostalaría, a cultura e o lecer.
“Son catro vertentes incomparables para atraer visitantes e activar Lalín nestas datas, pero a pasividade e a falta de traballo do goberno local do PP impide que a nosa vila exprima todo o seu potencial, de xeito que queremos darlle o apoio que non se ofrece desde o Concello”, explica.
Publicidade
Deste xeito, a secretaria xeral indica que “o comercio de proximidade de Lalín ten sona pola súa calidade e bo trato”. “Temos máis de 200 comercios especializados con todo o que se precisa para triunfar este Nadal, pero desde o goberno local non se impulsou nin unha soa iniciativa a prol do tecido comercial nunhas datas tan importantes”.
Doutra banda, Forno sostén que “Lalín é terra de cultura e o 2023 está a ser gran ano para os nosos creadores e creadoras, pero o goberno abandonou completamente este eido e é incapaz de poñer en valor o potencial creativo de Lalín, ao tempo que invisibiliza a unha boa parte dos artistas.
No referente á gastronomía explica que “temos os mellores produtos e a mellor gastronomía de inverno de toda Galicia, o cocido é un reclamo indiscutible que hai que seguir apoiando, pero Lalín é moito máis ca cocido e o PP está descoidando o sector”.
Así, pon como exemplo que “nada se coñece xa da campaña “Lalín Sabe”, eliminaron por revanchismo o “Lalín con gusto”, xa non hai apoio para que os produtores leven o seu produto a eventos, marxinouse o mercado de proximidade dos sábados, eliminaron a feira da cervexa ou fixeron esmorecer o traballo feito coa marca “Pan de Lalín”.
Publicidade
Por último en canto o lecer, Forno destaca as iniciativas de colectivos para dar a coñecer o noso patrimonio natural e cultural, a música en vivo, ou as Aldeas de Nadal, máis considera “un despropósito a falta de información que sofren os que nos visitan nestas datas”. “A 15 de decembro non está publicada a programación cultural, improvisan e non aproveitan os recursos dos que dispoñemos para promocionar Lalín axeitadamente”.
Publicidade
Ademais, sinala que “cunha concelleira dedicada en exclusiva ás Aldeas de Nadal, é incomprensible que a iniciativa non se mellorase, que non haxa nada novo con respecto a anos anteriores e que se respire desorganización”. Así, lembra que “segundo o anunciado polo propio goberno local, este ano ía poñerse en marcha a “aldea dos doces” na Praza de Galicia, pero non se levou a cabo e isto merece unha explicación por parte de Káren Fernández, a que relegaron da concellería de Comercio pola súa nefasta xestión o pasado mandato”.
No acto de presentación da campaña tamén estivo o secretario local de organización, Juan Justicia, o concelleiro, Anxo Álvarez, o membro da executiva, Nicolás González Casares e o membro da última candidatura ás municipai, Antón Branco.
Comments