O PSOE agradece que Crespo "recoñeza que os socialistas conseguiron 5 M€ de euros para Lalín"
- ecosdacomarca
- 22 mar 2023
- 2 Min. de lectura
"Crespo formou parte da comisión de Fomento e no seu periplo como Senador, durante catro anos, non presentou ningunha iniciativa para Lalín”, recrimina
Ecos da Comarca/Lalín
Dende o PSOE de Lalín agradecen que o alcalde, José Crespo, recoñeza que os/as
socialistas acadaron cinco millóns de euros para Lalín, e non como afirman na súa campaña polas aldeas que foi grazas a “boa xestión” de Crespo. Pídenlle ao goberno do PP que non se preocupen: “Se fan as cousas ben a UE sempre paga, pero se as fixeron mal ou hai dúbidas da súa xestión, aumentará a fiscalización. Todo depende de como gasten os cartos que pediron”, afirman.

Dende a bancada socialista lamentan que habendo tantas posibilidades de financiamento renuncien a presentarse a convocatorias do Plan de Recuperación, que tanto pretenden pisotear. “O seu partido xa o quixo tumbar en Bruxelas, pero non o lograron. En lugar de
dicir que “Lalín non vería un só céntimo de Fondos Europeos”, deberían dicir que non chegan máis porque Crespo deixa pasar convocatorias como a das Comunidades Enerxéticas, que pedimos os/as socialistas de Lalín, Plans de Sustentabilidade Turística, que tamén solicitamos, e outras partidas que se perden por presentar proxectos que non se axustan aos requisitos do Plan”.
O grupo socialista de Lalín lémbralle a Crespo que el estivo catro anos no Senado e nese
tempo non hai rexistrada nin unha soa iniciativa súa, intervención ou pregunta relacionada
con Lalín. “É máis, formou parte da Comisión de Fomento e durante ese período
esqueceuse de pedir que se rebaixase a peaxe da AP-53, que é tan cara por culpa do seu
partido. Só se lembra cando o Estado está gobernado por outros partidos que non son o
PP. É lamentable, porque se volvesen gañar os seus, as firmas que están a recoller irán
parar a un caixón”, sinalan.
Por último, agradecen a confianza do PP no eurodiputado socialista lalinense, Nicolás
González Casares, xa que “eles teñen un desta mesma provincia, pero de seguro que nin
o nome lle saben e non lle fixeron ningunha petición para Lalín”.
Kommentare