Os socialistas lalinenses pregúntanlle ao concelleirocando foron notificados os clubs de que non poderán empregar o recinto pola gala e que pasará cos locais que dispoñen para gardar os materiais
Ecos da Comarca/Lalín
O PSOE de Lalín asegura que "continua o desastre de xestión do Lalín Arena" e móstrase canso "de tantas mentiras e de que sempre boten balóns fóra". “Somos coñecedores do mal estado en que se encontra a pista e é de vergoña que agora diga que foi rápido na
solución deste problema”, explican os socialistas. Engade que "leva catro anos poñendo
parches aos problemas das filtracións que sofre este recinto e aínda así seguimos
vendo como, cando chove moito, a pista se enche de charcos de auga. O concelleiro de
Deportes, Avelino Souto, faise publicidade a si mesmo como gran xestor nos temas das goteiras, cando é un problema que leva catro anos de retraso. Onde está esa gran xestión?”.
Do mesmo xeito, lémbranlle que ao carón das pistas centrais atópase unha pista de
atletismo, que non se pode empregar con normalidade. “Respecto disto o concelleiro
non é tan “rápido” en darlle solución, posto que xa alertamos deste problema hai unhas semanas e a día de hoxe non hai un proxecto nin un estudo para saber cando se poderá empregar con total normalidade, sen ter que estar saltando charco tras charco”, indican.

Por outra banda, sinala que "a xestión da gala é outra mostra da súa ineficiencia e así o confirman os feitos. Avelino Souto afirma que os clubs que empregan as instalacións do Lalín Arena xa foron notificados, supostamente coa suficiente antelación, e xa contan con
novos espazos para poder practicar deporte durante o período en que estará ocupado
o recinto. Isto é completamente falso. Cónstanos que non todos os clubs que empregan estas instalacións foron notificados, polo momento. Souto non fai máis que mentir, cando sabe que non fixo, nin fai, ben o seu traballo”, sinalan os socialistas. Así mesmo, recálcanlle que o que “el considera suficiente antelación non é válido para clubs que traballan con alto número de deportistas. Necesitan saber onde poderán adestrar durante 15 días para poder coordinar e informar ás familias e aos propios/as deportistas a onde terán que asistir durante os adestramentos”.
Así mesmo, apuntan que neste recinto hai varios locais que empregan diferentes clubs para gardar material, e dende a bancada socialistas pregúntanlle a Souto se van ter que baleiralos e de ser certo, os socialistas pregúntanlle cando serán notificados. “Que lles vai ofrecer para poder gardar todo o material que alí teñen? Debe pensar que coordinar todo isto se fai en cinco días, como el está acostumado a facer as cousas a présas e mal...”, comentan.
"Mala xestión das subvencións"
"O concelleiro de Deportes, noutra mostra da súa capacidade de enganar, fala de que as subvencións están seguindo os mesmos procesos que o pasado ano e incluso lembra, “como xa nos ten acostumados”, como se fixeron durante o cuatripartito". Os socialistas aclaran que a solicitude das subvencións fíxose a principios de outubro, co cal tiveron que xustificar gastos dende o 1 de novembro de 2021 ao 31 de outubro de 2022, isto implica que tiveron que estimar gastos do último mes, que nalgúns casos foron maiores por imprevistos cos que non contaban algúns clubs. Esixíronlle facer unha solicitude antes de tempo, facendo contas aproximadas e a día de hoxe, tres meses despois, nin sequera saben o que van cobrar”, indican.
A estas alturas, subliñan "os clubs xa deberían saber canto van cobrar para poder xestionarse nese ano, pero nin o saben nin hai intención de que se saiba pronto". Os socialistas aclaran que aínda ten que saír público o que destinan a cada club, logo abrirase prazo de alegacións, e, no caso de que non haxa, pecharase o proceso. “A desidia e o pasotismo do concelleiro de Deportes é unha mostra clara de como se toma el a política. É un mentireiro”, recalcan.
Comentários