O PSOE acusa á Xunta de "facer vista gorda coa contaminación provocada pola mina de Touro"
- ecosdacomarca
- 18 mar 2023
- 2 Min. de lectura
"Aplica a Lei do Far West coas explotacións mineiras", afirma
Ecos da Comarca/Touro
O portavoz de Medio Ambiente do Grupo Socialista, Pablo Arangüena, acusou este venres á Xunta de “facer a vista gorda coa empresa responsable dos vertidos da mina de Touro". Arangüena presentou unha pregunta na Comisión de Medio Ambiente do Parlamento pola “inacción e tolerancia do incumprimento da legalidade” por parte do goberno galego.

Censurou que a Xunta "tan só teña imposto 55.000 euros en tres sancións dende o ano 2009, logo de décadas de vertidos sobre afluentes do río Ulla, en zona de Rede Natura, e que desembocan na ría de Arousa, que está a rexistrar unha caída moi acusada da produción marisqueira". Criticou que o Executivo “non sanciona, non obriga a restaurar e temémonos o que pretendan autorizar no futuro”.
O parlamentario socialista lembrou que os efectos sobre o medio ambiente da extracción de cobre nesta mina nos anos 70 e 80 "continúan sendo palpables décadas despois do seu peche, nunha instalación que leva moitos anos realizando depósito de residuos nos terreos da mina. Ademais, logo de anos de vertidos, a dirección xeral de Minas realizou unha inspección que constatou a drenaxe áceda sobre as augas dos regatos Portapecho, Felisa e Angumil".
Alertou "de que a accionista maioritaria da empresa que controla a mina é hoxe a multinacional Trafigura, presuntamente vencellada co pago de subornos á petroleira Petrobras, segundo a Fiscalía de Brasil, e condenada polo desastre ambiental de Costa de Marfil de 2006". Lembrou que aqueles "vertidos tóxicos provocaran a morte de 16 persoas e o tratamento sanitario de en torno de outras 10.000".
Esixe medidas
Arangüena criticou que este caso se suma "á recente autorización do vertido de 900.000 metros cúbicos de augas residuais da mina de San Finx sobre a ría de Muros e Noia, e centos de exemplos de empresas que se saltan a normativa coa conivencia da Xunta, que “permite ás empresas aplicar unha especie de Lei do far west”. Alertou "da combinación de empresas que non exercen a súa responsabilidade e dunha administración que non controla nin obriga”.
Así mesmo, esixiulle á Xunta que “adopte tódalas medidas necesarias para evitar a contaminación procedente da mina de Touro, incluíndo a inspección periódica e a execución das medidas preventivas habilitadas pola lexislación e as sancións necesarias". Ademais, reclamou que “garantan que calquera proxecto autorizado en relación coa mina non produza ningún tipo de dano ao medio e instalen sistemas de medición da contaminación nos afluentes que pasan pola instalación".
Recalcou que “somos partidarios dunha mineiría responsable que minimice o seu impacto no entorno, pero para eso ten que haber control”.
Comments