O PSOE acusa á conselleira de Medio Ambiente "de actuar como ariete conta o Concello de Melide"
- ecosdacomarca
- 15 abr 2023
- 2 Min. de lectura
O parlamentario Martín Seco censura o rexeitamento da axuda para a mellora do entorno do río Furelos para “castigar a Melide con decisións arbitrarias”
Ecos da Comarca/Melide
O parlamentario socialista Martín Seco acusou este venres á conselleira de Medio Ambiente e exalcaldesa de Melide, Ánxeles Vázquez, de “actuar como ariete” contra o seu antigo Concello. Seco levou ao Pleno do Parlamento unha pregunta pola denegación da axuda que solicitou o goberno local para a posta en valor do entorno do río Furelos, que puxo como exemplo de que “maltrata” ao Concello “con decisións arbitrarias”.

O parlamentario socialista criticou a negativa do goberno galego “con motivacións
partidistas” que agochan o intento desesperado de “recuperar o goberno de Melide con
malas artes”. Explicou que a solicitude, presentada en tempo e forma e axustándose ás
bases das axudas, foron denegadas sen motivación suficiente como antes fixeran coa
negativa á mellora do entorno da fonde de San Xoán de Furelos, que tivo que asumir o
goberno en solitario.
Ademais sinala que "os argumentos do goberno galego foron presentados en base a criterios “abstractos”, impedindo o dereito á defensa do Concello, que aínda así presentou un recurso que a Consellería non contestou". "Si que se dedicou sen embargo, a atacar ao goberno local a través do perfil público das redes sociais da Consellería", apunta.
Martín Seco criticou que "a Consellería de Medio Ambiente teña intentado nestes case catro anos impoñer sancións ao Concello por máis de 250.000 euros, por situacións alleas ao goberno local e que mesmo foron arquivadas pola xustiza".
Afeoulle á conselleira que teña "cobrado máis de 1,6 millóns de euros do canon de saneamento sen retornar nin unha terceira parte da contía ao Concello, mentres seguen
sen asumir os investimentos para a depuración das augas do Polígono ampliado cando
ela mesma era aínda alcaldesa".
Comments