O PSdeG denuncia o malestar das persoas abonadas do Parking Europa tras unha reunión “impositiva”
- ecosdacomarca

- 12 abr
- 2 min de lectura
Os socialistas critican que o goberno local obrigue ás persoas usuarias a cambiar de praza “sen diálogo” e esixen a devolución das cotas
Ecos da Comarca/Lalín
O PSdeG-PSOE de Lalín denuncia o malestar das persoas usuarias abonadas do Parking Europa tras a reunión celebrada o venres co goberno local, que cualifican de “impositiva e sen ningún tipo de diálogo”. A voceira socialista, Alba Forno, explicou que os/as abonados/as foron convocados para comunicarlles directamente un cambio no modelo de uso do parking, obrigándoos a trasladarse á segunda planta e a perder as súas prazas actuais, sen posibilidade de negociación. “Foi chegar, sortear as prazas e impoñer unha decisión que empeora claramente as condicións dos/as usuarios/as”, sinalou.

Neste sentido, Forno indicou que moitos/as abonados/as trasladaron o seu descontento pola perda de comodidade, polos accesos máis complicados e pola sensación de inseguridade nalgunhas zonas, especialmente en horario nocturno. “Estamos falando de persoas que levaban tempo utilizando o servizo e que agora ven como se lles cambia todo sen contar con elas”, apuntou.
"Un modelo inxusto que non resolve o problema"
O PSdeG considera que o novo sistema “non só é incómodo, senón tamén inxusto”, xa que os/as abonados/as seguen pagando mentres o estacionamento continúa sendo gratuíto e sen control para o resto de persoas usuarias. “O problema de fondo non se resolve: o parking segue sen rotación e pode converterse nun espazo onde os coches permanecen días sen moverse, mentres quen paga ten peores condicións”, explicou Forno.
PUBLICIDADE
Ante esta situación, os socialistas esixen ao Concello a devolución das cotas abonadas polos usuarios durante o último ano, ademais dunha revisión do modelo actual e a adopción dun sistema que garanta rotación, equidade e utilidade para o conxunto da cidadanía. “Non ten sentido que se obrigue a pagar por un servizo que agora é peor que antes”, subliñou a voceira socialista.
PUBLICIDADE
Desde o PSdeG lembran que o Parking Europa funcionaba cun sistema mixto que combinaba a gratuidade no horario comercial coa rotación e o uso ordenado do espazo. “O goberno de Crespo decidiu cambialo por completo por un modelo de gratuidade total que acabou xerando máis problemas que solucións”, concluíu Forno.








Comentarios