O PSdeG alerta de que Lalín "lidera a débeda entre os concellos do seu tamaño"
- ecosdacomarca

- 27 mar
- 2 min de lectura
Cuestiona a xestión económica do PP
Ecos da Comarca/Lalín
O PSdeG-PSOE de Lalín advertiu onte de quee ste Concello "sitúase á cabeza da débeda entre os municipios galegos de tamaño similar (entre 16.500 e 32.000 habitantes), cunha carga que rolda os 10 millóns de euros, o que supón arredor de 500 euros por veciño e veciña. So datos oficiais do último informe publicado polo Ministerio de Facenda sobre a débeda viva das entidades locais a 31 de decembro de 2024", recalca.

A secretaria xeral e voceira municipal socialista, Alba Forno, sinala que “falamos dun nivel de débeda moi elevado en relación con concellos do noso tamaño e mesmo moi por riba de cidades como Vigo ou Pontevedra con orzamentos que quintuplican o de Lalín e con moito maior capacidade económica”.
Con todo, Forno destacou que "este dato non se pode analizar de forma illada, senón no contexto dunha xestión na que ao mesmo tempo que sobe a débeda, aumentan os impostos, se redúcense axudas a colectivos, non hai novos servizos públicos ou non se avanza nos supostos proxectos estratéxicos tantas veces anunciados por Crespo como a gran praza ou a nova área deportiva”.
PUBLICIDADE

Forno cuestionou o modelo económico do goberno local, que cualificou de “desordenado e sen rumbo claro”. Neste sentido, lembrou tamén que o goberno local xustificou no seu momento o incremento da débeda pola suposta falta de pagamentos do Goberno central vinculados a fondos como o DUSI ou o do IDAE para o cambio de luminarias. "Non obstante, esas axudas estaban xa resoltas e abonadas a finais de 2024, polo que é lexítimo preguntarse que explicación ten agora esta situación”, sinalou.
“Non é falta de recursos, son prioridades”
Para o PSdeG, a situación actual responde a un modelo baseado en decisións que non están centradas nas necesidades reais da veciñanza. “Estamos vendo investimentos que non responden a demandas prioritarias, mentres non hai avances en políticas de vivenda, nin melloras nos servizos públicos, nin respostas a problemas como a seguridade ou o día a día”, explicou Forno.
Publicidade
A voceira socialista puxo tamén o foco na viabilidade futura de actuacións anunciadas polo goberno local ante o elevado nivel de débeda. “Se o Concello xa presenta este nivel de endebedamento cabe preguntarse de onde van saír os recursos para novas actuacións, como os investimentos en proxectos anunciados como o arranxo da rolda leste ou a estratexia Lalín Próximo”, indicou. Forno concluíu sinalando que “Lalín necesita unha xestión económica seria, ordenada e centrada nas prioridades reais da veciñanza”. “Non se trata de gastar máis, senón de gastar mellor”, rematou.







Comentarios