As ofertas poderán presentarse ata o 23 de febreiro e o prazo de execución
das obras é de 12 meses
Laura Moure/Silleda
O proxecto para a dotación da primeira fase da nova Casa Consistorial de Silleda está xa en fase de licitación. Tralo acordo da Xunta de Goberno do pasado xoves, a actuación figura xa na Plataforma de Contratación do Estado, onde sae a concurso –por tramitación aberta e ordinaria-por un importe total de 1.802.393 euros. Segundo recolle o anuncio, as ofertas poderán presentarse durante de 26 días naturais, rematando dito prazo o vindeiro 23 de febreiro. Para a execución desta obra establecese un prazo de12 meses.
O proxecto do novo Consistorio de Silleda, baixo o lema Naturamente noso, da autoría do arquitecto silledense Abraham Castro, contempla dúas fases de actuación a fin de unificar e centralizar todos os servizos municipais nun único recinto, na céntrica rúa Progreso. Esta primeira fase, cun investimento de 1,8 millóns, bota a andar grazas á financiación da Deputación de Pontevedra que a través do programa REACPON inxectará 713.000 euros para a realización das obras.
Nesta primeira fase remodelarase por completo o actual edificio que alberga a Casa da Cultura. Esta remodelación integral do edificio, ao que se dotará dun carácter institucional, albergará na primeira planta o punto de atención cidadá, rexistro municipal, Policía Local e Xulgado de Paz. Na segunda planta está previsto ubicar as dependencias de Alcaldía, e os departamentos de Intervención, Secretaría e Oficinas Xerais. Na última pranta situarase o Salón de Plenos e Auditorio, separados por tabiques móbiles e butacas reversible para adaptarse, se fora necesario, ambos espazos.

O proxecto, que conta con todos os informes técnicos favorables, completarase nunha segunda fase cun novo edificio na parte traseira (na marxe oposta á biblioteca, que desaparece desta ubicación) de dúas plantas, onde estarán distintos servizos e crearase un gran patio exterior, con zona axardinada. Así mesmo, nesta parte posterior, con acceso tamén dende a rúa Morón será preciso realizar un aparcamento soterrado.
O novo edificio albergará na pranta baixa os despachos de distintos servizos (fontanería, electricidade) e nunha zona máis recollida o departamento de Servizos Sociais. Tamén se ubicará aquí –na primeira planta- Urbanismo, o Servizo de Augas, Arquivo e outros departamentos técnicos (AEDL, Consumo, Emprego e Turismo.
Accesible polas dúas rúas
Todo o recinto será totalmente accesible polas dúas rúas, con aseos adaptados en todas as plantas e renovará todo o sistema enerxético, grazas á Rede de Calor con Biomasa, que se ampliou o pasado ano chegando xa á altura do futuro consistorio.
O alcalde de Silleda, Manuel Cuiña, destaca que esta será unha das actuacións máis destacadas da lexislatura no municipio, “do que se beneficiarán todos os veciños e veciñas de Silleda e que nace con obxectivos claros: a accesibilidade, centralización, modernización da Administración Local, racionalización e aforro, “ e en consecuencia a mellora da calidade dos servizos para toda a veciñanza de Silleda”, engade.
A día de hoxe, os servizos municipais de Silleda están repartidos en varias dependencias. Así ademais da Casa consistorial, que data de 1870 e cunha serie de deficiencias estruturais, o resto dos servizos repartense nun piso con oficinas na rúa Alfonso Trabazo e nas dependencias do Centro Social.
Comments