Aínda quedan prazas, se ben están limitadas polo que hai que anotarse previamente
Laura Moure/Silleda
O programa Silleda Camiña, impulsado polo Concello de Silleda, estrea este domingo as andainas de fin de semana. Será ca realización do sendeiro do Deza, cos preto de sete quilómetros que unen a Fervenza do Toxa co mosteiro de Carboeiro. Para participar, e tendo en conta as restricións actuais para este tipo de actividades (máximo de 20 persoas por grupo), hai que anotarse chamando ao Concello (986 580 000), se ben as prazas son limitadas.
Unha vez ofertadas a todas as persoas inscritas no programa, quedan aínda prazas libres para esta primeira saída. O Concello habilitará un autobús, que partirá ás 09:30 horas dende o pavillón polideportivo Cesar Fares de Silleda. As persoas que utilicen o seu propio vehículo para desprazarse, deberán estar ás 09:50 horas no aparcamento da Fervenza do Toxa, dende onde partirá a andaina.
O programa Silleda Camiña foi posto en marcha o pasado mes de abril dende os departamentos municipais de Deporte e Turismo, contando hoxe con máis de 60 persoas de todas as idades inscritas. Esta iniciativa ten dúas vertentes: por un lado das camiñadas semanais pola vila de Silleda e arredores, na tardiña dos martes e xoves, co asesoramento do técnico municipal de deportes para as persoas participantes en función da súa idade, condición física…
Este programa busca fomentar hábitos de vida saudables así coma os desprazamentos a pé, nun entorno no que xa existen vías onde as persoas priman por riba dos vehículos. O coñecemento de espazos turísticos e rutas é outra das liñas deste programa, con saídas mensuais que se estrean este domingo.
Así mesmo, tamén se busca dar a coñecer e poñer en valor os moitos recursos naturais, patrimoniais e artísticos cos que conta o municipio de Silleda, xa que en todas as parroquias hai elementos que paga a pena coñecer e visitar.
Comments